Modernización pon en marcha un programa de axudas para facilitar a contratación de Internet no fogar a máis de 3.000 familias galegas con menos recursos

Martes 20 de Decembro de 2011

Modernización pon en marcha un programa de axudas para facilitar a contratación de Internet no fogar a máis de 3.000 familias galegas con menos recursos

O obxectivo fundamental desta iniciativa é que as persoas con máis risco de exclusión da sociedade dixital non queden á marxe das oportunidades que ofrece a rede

A Administración investirá máis de medio millón de euros en 2012 na execución destas axudas

Están dirixidas ás familias residentes en Galicia cunha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 euros

Concederase unha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión durante un ano cunha contía máxima de 180€

Os posibles beneficiarios deberán contratar a conexión de Internet con R ou Telefónica como entidades colaboradoras deste programa, que entrará en vigor o 2 de xaneiro

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica pon en marcha un programa de axudas para que as familias galegas con menos recursos económicos poidan acceder a Internet nos seus fogares. O orzamento do programa para 2012 é superior aos 570.000 euros e permitirá subvencionar a contratación deste servizo a máis de 3.000 familias.

Así se recolle nun convenio de colaboración asinado esta mañá entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, Director de Administracións Públicas do Territorio Norte de Telefónica, Manuel Alonso, e o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico. Ambos operadores se presentaron á convocatoria aberta publicada o pasado mes de xuño para participar na iniciativa como entidades colaboradoras.

Segundo destacou Mar Pereira, “o obxectivo fundamental desta iniciativa é que as persoas con menos posibilidades económicas non queden á marxe das oportunidades que ofrece e que se xestionan a través de rede.”  A responsable de Modernización afirmou que estar do lado positivo da chamada fenda dixital supón ter mais oportunidades de acceso ao coñecemento, aos mercados, á formación, ao emprego.

A secretaria xeral incidiu en que no actual contexto de dificultade económica as posibilidades de formación e de contacto que ofrece Internet son un recurso valioso para obter información actualizada de interese, estender a rede de contactos sen barreiras físicas e xeográficas e non perder oportunidades de formación e de carácter laboral.

Colaboración dos operadores
Manuel Alonso sinalou que “Telefónica leva apostando moitos anos polo rural, onde fixo un importante esforzo de despregamento de infraestruturas tanto en solitario coma en colaboración coas administracións. Un esforzo que se reflectiu tamén nunha oferta económica o máis axustada posible, e no constante deseño de novas promocións que inviten á poboación do rural a acceder á Rede".

Arturo Dopico destacou “a importancia de colaborar coa administración nesta iniciativa para facer máis accesible o servizo de internet ao maior número de persoas en Galicia. Nesa liña R segue a esforzarse por manter unhas tarifas competitivas e adaptadas a cada quen, para que a tecnoloxía sexa unha realidade cotiá para todos en Galicia”.

Beneficiarios das axudas
Os beneficiarios destas axudas serán as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso aos operadores R e Telefónica como entidades colaboradoras na iniciativa. Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores á publicación da convocatoria de axudas. Os interesados en acollerse a estas axudas poderán tramitalas a través dos operadores a partir do 2 de xaneiro.

Importe e tramitación das axudas
O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe dunha cota mensual será asumido pola entidade colaboradora.

As operadoras de telecomunicación colaboradoras, R e Telefónica, serán as encargadas da tramitación das axudas. Para iso, a Xunta puxo a súa disposición unha plataforma telemática para garantir unha xestión totalmente electrónica das subvencións.

Superar a barreira económica
Segundo datos do INE o custo da conexión é a terceira causa aducida en Galicia para non contratar o servizo de Internet no fogar. Este programa de axudas busca reducir as barreiras económicas de entrada ao uso da banda larga mediante apoios económicos de cara á contratación deste servizo para seguir axudando aos colectivos máis desfavorecidos e así garantir a igualdade de oportunidades no acceso á información.

Xunto coa eliminación da barreira económica a  Xunta está a traballar na superación doutras dúas  barreiras: a das infraestruturas de Telecomunicación co Plan de Banda Larga co que xa se reduciu nun terzo a poboación sen acceso a Internet na Comunidade; e a da  formación, coa posta a disposición da cidadanía de instrumentos para o acceso as novas tecnoloxías como a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica.

Estas medidas intégranse nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, a folla de ruta do Goberno galego en materia tecnolóxica para integrar as TIC na sociedade galega e eliminar a fenda dixital na Comunidade.