Modernización impulsa as accións das oficinas de software libre das tres universidades galegas cunha achega de 120.000 euros

Martes 08 de Febreiro de 2011

Modernización impulsa as accións das oficinas de software libre das tres universidades galegas cunha achega de 120.000 euros

O departamento autonómico contribúe a realización de máis de 20 actuacións nas tres institucións orientadas ao fomento do código de fontes abertas

As tres universidades galegas avanzarán en proxectos que están a levar a cabo e porán en marcha novas iniciativas

A USC incrementará ata o 50% a porcentaxe de instalación de software libre no equipamento da Rede de Aulas de Informática

Á UDC creará unha aula de formación libre dirixida a persoas que carecen de coñecemento sobre software libre

A Universidade de Vigo creará este ano unha nova figura denominada “voluntario libre” que achegará información das actividades da Oficina aos distintos centros

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica apoia as actividades en materia de software libre e código de fontes abertas (FLOSS) das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo cunha achega de 120.000 que permitirá realizar máis de 20 actividades nesta materia ao longo deste ano. Con este financiamento, o departamento autonómico contribúe á consolidación de proxectos que se están a desenvolver desde as Oficinas de Software Libre (OSL) universitarias e promove a posta en marcha de nova iniciativas para a promoción do FLOSS en Galicia.

Segundo se recolle nun convenio subscrito polas tres universidades e a Secretaría Xeral, o departamento autonómico subvencionará con 40.000€ a realización de diferentes actividades en materia de software libre en cada unha das tres institucións educativas.

Avances de Ubuntu en Santiago
Na Universidade de Santiago o acordo posibilitará a implantación de programas libres nun 50% da Rede de Aulas de informática da USC neste ano. Ademais, continuarase instalando o programa arranque dual con Ubuntu-USC de xeito que, polo menos, cada centro conte cunha aula con este sistema en 2011. O mantemento e actualización de Ubuntu é outra das actuacións que contempla o acordo. Durante 2010 elaborouse unha distribución de Ubuntu adaptada ás necesidades de varias unha das escolas e facultades da USC e traballouse na tradución ao galego dos produtos de software libre máis populares e de maior impacto para o usuraio da Comunidade, Gnome, Ubuntu e Mozilla. Este ano continuarase a tradución das novas versións destes produtos.

Outras accións de continuidade con respecto ás actividades realizadas o pasado ano serán o asesoramento aos membros da comunidade universitaria sobre software libre así como a difusión dos programas libres con cursos, conferencias e outras actividades formativas.

Oficina móbil na Coruña
Entre as novas actuacións que se desenvolverán este ano na Universidade da Coruña está a posta en marcha da Oficina de Software Libre móbil, que consistirá en achegar os servizos propios da OSL aos usuarios nos seus centros. Tamén se creará unha aula de formación libre dirixida a persoas con escasos ou nulos coñecementos sobre software libre, que estarán abertos a calquera usuario, independentemente de que sexa membro da UDC. Ademais, completarase o proceso de migración a software libre nos postos base da administración da Universidade coruñesa.

En liña coas actuacións realizadas o ano pasado achegarase o software libre ao persoal de Administración e Servizos con formación sobre o uso de ferramentas libres; celebraranse dúas novas edicións das Install Part en abril e outubro, coincidindo coa publicación das novas versións de Ubuntu, así como xornadas de difusión e coñecemento do software libre. Por outra banda, continuarán as actividades de asesoramento e información directa que se ofrecen desde a Oficina de Software Libre aos usuarios que o demanden. En 2010 a OSL atendeu máis de 300 consultas telefónicas e por correo electrónico ademais das que se resolveron presencialmente no local da oficina.

Voluntarios e obradoiros en Vigo
A Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo creará este ano unha nova figura denominada “voluntario libre”, que achegará información das actividades da OSL aos distintos centros da universidade. Outra das novas accións previstas é un obradoiro de desenvolvemento competitivo con software libre. Baixo a dirección da Oficina membros da comunidade universitaria e outras persoas interesadas realizarán un proxecto orientado ao seu uso no ámbito universitario. Ademais, desde esta universidade elaborarase material específico para a formación en tecnoloxías libres certificado pola Oficina de Software Libre.

Continuando co realizado o ano pasado, a Universidade olívica destinará a achega da Secretaría Xeral ao mantemento e actualización dos contidos da súa web así como á creación de 40 pílulas docentes sobre aplicativos de temáticas empresariais, e de grupos de profesores que realicen actividades en común sobre materias de software libre. Tamén prevé a celebración da Xornada de traballo Días MáisQueLibres en cada centro ou grupo de centros afíns á Universidade para difundir o software libre e de código de fontes abertas, que o ano pasado tiveron lugar en 9 centros da Universidade. Tamén se celebrarán no campus unhas xornadas empresariais sobre solucións libres para que as empresas expoñan a súa visión das TICs libres. Esta xornada celebrouse o pasado ano no campus de Ourense coa participación de 15 empresas e en 2011 terá lugar en Vigo.