Más de mil familias poden solicitar xa as axudas para equipamentos de recepción da TDT vía satélite nos concellos incluídos no programa de desenvolvemento rural sostible en Galicia

Sábado 29 de Xuño de 2013

Más de mil familias poden solicitar xa as axudas para equipamentos de recepción da TDT vía satélite nos concellos incluídos no programa de desenvolvemento rural sostible en Galicia

Poderán solicitar como máximo a subvención dun equipamento por vivenda. Ademais, co fin de non discriminar ás familias que xa teñan instalado este servizo pola súa conta, estas poderán solicitar un segundo receptor na súa vivenda

A Xunta destinará algo máis de 500.000 euros no exercicio 2013 e está previsto que este plan se prorrogue ata o ano 2015, cun orzamento total de máis de 800.000 euros, beneficiando a 3.000 familias dos concellos a revitalizar do interior das provincias de Lugo e Ourense

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Administración Xeral do Estado, van destinar máis de 501.110 euros no exercicio 2013 para subvencionar a adquisición de equipamentos para a recepción da TDT a través do satélite, para familias sen cobertura que vivan nas zonas a revitalizar do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia, pertencentes, fundamentalmente, aos concellos do interior de Lugo e de Ourense. Está previsto que esta subvención beneficie, no presente exercicio, máis de 1.000 familias. A axuda será tramitada directamente a través dos instaladores autorizados que colaboran coa Xunta de Galicia. O prazo para que os beneficiarios presenten as solicitudes (a través dos instaladores autorizados) comeza hoxe e rematará o 30 de setembro.

O servizo de TDT por satélite (Sat-TDT) permite disfrutar de xeito gratuíto das canles de TDT nas vivendas onde non chega o sinal terrestre ou o sinal non ten a calidade axeitada para a correcta recepción. Serán subvencionables as novas instalacións do servizo de TDT a través de satélite, podéndose solicitar como máximo un equipamento por usuario e vivenda. Ademais, co fin de non discriminar ás familias que xa teñan instalado pola súa conta un equipo para a recepción deste servizo, estas poderán solicitar subvención para un segundo receptor na súa vivenda.

A Xunta prevé prorrogar este plan ata o ano 2015, o que suporá un investimento total de máis de 800.000 euros e beneficiará arredor de 3.000 familias de 78 concellos do interior de Lugo e de Ourense.

Zonas a revitalizar dentro do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible de Galicia
Segundo recolle o texto da axuda, os beneficiarios desta subvención para os equipamentos de recepción de TDT por satélite serán familias con dirección nalgún dos concellos do interior de Lugo e Ourense sinalados no mapa adxunto, que non dispoñan de cobertura de televisión mediante as redes terrestres.

En concreto, son 78 concellos do interior das provincias de Lugo e de Ourense os beneficiarios:

*Lugo Central: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A) Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.

*Montaña Lucense: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto.

*Depresións Ourensás e Terras do Sil: Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

Este programa de axudas é posible grazas ao convenio asinado entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das actuacións incluídas nos Plans de Zona das súas áreas rurais que, por parte da Xunta de Galicia, coordina AGADER.

Nunha primeira fase seleccionáronse as entidades colaboradoras entre as empresas de telecomunicacións autorizadas para realizar este tipo de instalacións, entidades que van ser as encargadas de tramitar as subvencións en nome dos posibles beneficiarios co fin de que resulte o máis sinxelo posible para o cidadán. Agora, unha vez seleccionadas estas empresas, procedeuse á convocatoria das subvencións que se adxudicarán por orde de solicitude ata esgotar o crédito correspondente a cada anualidade.

Para ser beneficiario o interesado deberá presentar a súa solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que foron seleccionadas para este réxime de axudas. A relación de entidades colaboradoras pode atoparse no enderezo da internet http://medios.xunta.es na súa epígrafe axudas. Tamén pode consultarse telefonicamente no número 981544234, a través do enderezo electrónicoxestion.sxm@xunta.es ou presencialmente nas dependencias da Secretaría Xeral de Medios-Edificio Administrativo San Caetano-Santiago de Compostela

Desde o apagamento da televisión analóxica instaláronse en Galicia unas 4.600 antenas para a recepción da TDT por satélite, sendo a Provincia de Lugo a que ten unha maior porcentaxe, co 37% das instalacións, seguida da Coruña, co 33% e de Ourense, co 20%. A provincia de Pontevedra ten un total de 400 instalacións de Sat-TDT, o que supón o 9% do total de Galicia. O ritmo de crecemento das instalacións vén sendo dunhas 50 mensuais, coa previsión de acadar as 10.000 instalacións de vivendas con TDT por satélite para o ano 2020, que representaría o 100% das vivendas galegas que poderían necesitar deste servizo. A pesar de que a cidadanía con dificultades de acceso ou que está no límite da cobertura dalgúns canais é reacia á instalación do sistema satelital -xa que dependendo do tempo ou da vexetación hai días que ve a TDT-, pouco a pouco decide incorporar o servizo de TDT por satélite para poder dispoñer do sinal de televisión sen cortes ou pixelacións.