Mar Pereira sinala que os grandes proxectos tecnolóxicos requiren da suma das multinacionais, das pemes e da creatividade dos novos emprendedores

Mércores 20 de Novembro de 2013

Mar Pereira sinala que os grandes proxectos tecnolóxicos requiren da suma das multinacionais, das pemes e da creatividade dos novos emprendedores

Destacou a necesidade de aliñar os recursos e instrumentos cos que conta Galicia no eido tecnolóxico para sacarlle o máximo proveito e impulsar un sector TIC forte e competitivo

Lembra que a Xunta vén de presentar a Estratexia de Crecemento Dixital, aliñada coa RIS, para captar fondos europeos en iniciativas TIC no novo período de financiamento 2014-2020

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe en Galicia contamos coas bases para abordar grandes proxectos tecnolóxicos “nos que precisamos, non só das grandes multinacionais tecnolóxicas, senón tamén das pemes TIC galegas e de startups que sumen as súas iniciativas innovadoras a proxectos transformadores.”

Galicia que conta tres centros tecnolóxicos correspondentes ao eido das telecomunicacións, unha plataforma tecnolóxica TIC como Vindeira, grupos de investigación TIC nas universidades galegas, unha media de máis de 4.000 matriculados en carreiras tecnolóxicas no sistema universitario galego e un sector tecnolóxico integrado por máis de 2.000 empresas.

A directora indicou que estas cifras constatan que “temos capital humano, soporte investigador e tecido empresarial para continuar a consolidar o sector TIC galego como un dos grandes catalizadores da economía galega pero que é preciso que aliñar estes recursos e instrumentos para sacarlle o máximo proveito e impulsar un sector TIC forte e competitivo.

Transformatic
Por iso un dos próximos obxectivos da Xunta neste eido é a posta en marcha do programa Transformatic para aliñar as diferentes iniciativas de apoio ao sector que se están a desenvolver desde a Administración autonómica, unindo os esforzos e instrumentos cos que contan as Consellerías de Traballo, Cultura, e Economía e Industria nunha mesma dirección. O Plan buscará tamén a colaboración de todos os axentes do sector (Clúster TIC, os centros tecnolóxicos, os grupos de investigación, os Colexios Profesionais, as tres universidades Galegas) para unir esforzos, aliñar obxectivos e favorecer o seu crecemento

Un obxectivo que cobra especial relevancia neste momento, no que Galicia vén de aprobar a Estratexia Galega de Crecemento Dixital, unha folla de ruta na que se establecen as liñas estratéxicas da política tecnolóxica do Goberno autonómico para o horizonte 2020. Esta estratexia está perfectamente aliñada coa RIS 3 de Galicia é a condición indispensable para acceder aos fondos de I+D+i e TIC na programación orzamentaria da Unión Europea 2014-2020.

Pacto Dixital
Pereira afirmou que desde o Goberno galego somos máis conscientes que nunca da necesidade de sumar para aproveitar ao máximo a capacidade transformadora da Tecnoloxía. O Pacto Dixital asinado este ano entre o presidente da Xunta, o sector tecnolóxico galego e 11 empresas de ámbito nacional e multinacional plasma esta liña de traballo e este compromiso da Administración autonómica.

O Pacto busca facilitar que as multinacionais sirvan de ponte ás pemes TIC galegas para a súa internacionalización. Ademais, os compromisos do Pacto establecen actuacións para desenvolver proxectos tractores innovadores, atraer investimento a Galicia e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas co fin de conseguir o crecemento do sector

IV Vindeira Network
A responsable da área tecnolóxica da Xunta, clausurou esta mañá o IV Encontro Vindeira Network, organizado polo Clúster TIC, que reuniu en Santiago a representantes de 22 entidades de Capital Risco e Business Angels de España, cunha capacidade de financiamento de arredor de 35 millóns de euros para a 16 start ups galegas do eido tecnolóxico.