Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Mar Pereira sinala que o big data permite ás empresas e ás administracións deseñar servizos personalizados

• A directora da Amtega inaugurou esta mañá en Santiago o Foro Big Data de El Correo Gallego
• Destacou a capacidade do sector tecnolóxico galego e animou aos empresarios a localizar talento e retos na Comunidade


A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou esta mañá que a aplicación de técnicas de Big Data permitirá pasar “dun modelo de Administración reactiva, que actúa baixo a demanda dos cidadáns a unha Administración proactiva, que se adianta ás súas necesidades en base á información que dispón deles”. A responsable autonómica inaugurou esta mañá o Foro sobre Big Data, organizado por El Correo Gallego en Santiago de Compostela. 
A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta afirmou que o seguinte paso no proceso de dixitalización da Administración será  o aproveitamento da capacidade de análise que ofrece o Big Data que “levará un tempo” xa que “queda camiño por percorrer”. Pereira destaca a Xunta estase a avanzar na integración de técnicas de Big Data no ámbito da saúde e do turismo.

Así mesmo, a directora da Amtega fixo fincapé na importancia de contemplar a aplicación de solucións de Big Data baixo os principios de proporcionalidade e privacidade. Tras a entrada en vigor do Real Decreto de Protección de Datos –recordou Pereira– son os cidadáns os que deciden que queren saber deles e con que fins.

Por outra banda, a directora da Axencia autonómica destacou a capacidade do sector tecnolóxico galego e animou aos empresarios a localizar talento e retos na Comunidade para favorecer a consolidación dun tecido tecnolóxico forte, un obxectivo compartido pola Administración autonómica e recollido na súa Axenda Dixital de Galicia 2020.

Tendencias tecnolóxicas e aplicacións noutros sectores

O Foro de El Correo Gallego reunía a empresas do sector tecnolóxico con diferentes liñas de actuación no eido do Big Data e a empresas doutros sectores e representantes do sector público que están a aplicar solucións de análise de datos nos seus negocios ou iniciativas. O relatorio inaugural recaeu en Andrés García-Rodeja, director do CEIN-Analytics de DXC Tecnology en Santiago de Compostela. 

Tras esta intervención, a primeira das mesas abordou as novidades en torno ao Big Data e as novas solucións que están desenvolver empresas como Torusware, representada polo seu director xeral e cofundador, Guillermo López; PUE, de cuxos proxectos falou o seu business director, Roberto López; Bahía Software, cuxo director de Negocio en Saúde, José Ramón Varela, expuxo as principais liñas de actuación; Plexus, representada pola manager directora Data Tecnologies, Granada Giménez; e Televés, de cuxas iniciativas falou o seu director de I+D+i, Sebastián Pantoja. A mesa estivo moderada polo profesor do Máster de Big Data da USC, Eduardo Sánchez Vila.

Na segunda mesa da mañá expuxéronse diferentes aplicacións do Big Data no sector público e empresarial coa intervención do subdirector xeral de Sistemas da Información do Sergas, Benigno Rosón; o director xeral de Información, Procesos e Operacións de Abanca, José Manuel Valiño; e o director técnico de Martín Códax, Miguel Tubío. O profesor de Dereito Constitucional e director do Centro de Estudos de Seguridade da USC, José Julio Fernández, foi o encargado de moderar a mesa.