Mar Pereira destaca o papel chave dos profesionais das TIC na modernización da Administración e na transformación dos sectores produtivos

Venres 13 de Xuño de 2014

Mar Pereira destaca o papel chave dos profesionais das TIC na modernización da Administración e na transformación dos sectores produtivos

Sinala que o peso da tecnoloxía, tanto no sector publico como privado, traduciuse en novos modelos de gobernanza transversais sobre os que recae a definición e o desenvolvemento da estratexia TIC das organizacións.

Lembra que Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en crear un departamento único para a xestión integral das TIC, a Amtega, dependente da Presidencia da Xunta.

Indica que este novo escenario require novos perfís profesionais, o que esixe aliñar a formación coa demanda actual do mercado, un dos obxectivos do Programa TransformaTIC da Xunta.

Puxo en valor o capital humano galego neste eido con máis de 4.000 matriculados en carreiras TIC cun índice de empregabilidade do 95%.

A directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, afirmou hoxe que os profesionais do sector tecnolóxico integran un colectivo orientado a desenvolver a transformación dos sectores produtivos. Para a responsable da área TIC da Xunta a integración da tecnoloxía nas empresas e nas Administracións públicas outórgalle a estes profesionais un papel chave, tanto na modernización e evolución dos modelos de negocio como na prestación de novos servizos públicos.

Pereira inauguraba esta tarde o encontro “O impacto da innovación empresarial e Tecnoloxía no ámbito social” organizado no marco do Posgrao de Especialización en Xestión Empresarial e Tecnoloxía (Xemte) da Universidade da Coruña.

Na súa intervención a directora da Amtega afirmou que a capacidade transformadora da tecnoloxía impulsou un cambio no seu modelo de xestión, tanto nas organizacións públicas como nas privadas. O papel das TIC, sinalou, xa non se restrinxe a un departamento de informática, agora están ligadas á estratexia de negocio das organizacións, o que implica que se xestionan dun xeito transversal desde departamentos dependentes do máximo nivel executivo.

Un modelo, afirmou, que se traslada tamén as Administracións públicas e que Galicia xa asumiu coa creación da Amtega, a Axencia autonómica que integra os recursos humanos, materiais e orzamentarios da área tecnolóxica de diferentes consellerías e entidades públicas baixo una mesma dirección.

Pereira afirmou que este modelo de xestión integrada implica, non só ocuparse das infraestruturas TIC senón da definición e desenvolvemento da estratexia tecnolóxica da organización. Indicou que este novo escenario require de novos modelos de profesionais, cun perfil multidisciplinar, profesionais cunha visión global que lles permita tomar iniciativas que permitan aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles, favorecendo as economías de escala e a eficiencia de custos.

Por iso, indicou, é esencial aliñar a formación coa demanda do mercado actual. Recordou que este é un dos obxectivos do Programa TransformaTIC, unha iniciativa impulsada pola Xunta, en colaboración coas as tres universidades galegas, os centros tecnolóxicos dedicados ás tecnoloxías da información e a comunicación, e as empresas do Clúster TIC para aliñar os esforzos públicos e privados para fomentar o emprendemento dixital, a transferencia da innovación ao mercado e o fortalecemento do sector tecnolóxico galego.

Pereira destacou que unha das fortalezas do sector en Galicia é o capital humano. Galicia conta con preto de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC cun índice de empregabilidade de en torno ao 95%.