Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Mar Pereira destaca a contribución do Software Libre á transformación dixital como solución competitiva para modernizar sectores estratéxicos

A directora da Amtega inaugurou hoxe a LibreCon2017 que aborda as novidades en tecnoloxías abertas aplicadas á Industria 4.0 e ao sector primario
Lembra que desde 2010 a Xunta elabora cada ano, en colaboración cos axentes galegos do sector, o Plan de Software Libre con máis de 100 actuacións para impulsar o seu uso na Administración, na sociedade e no tecido empresarial

Máis de 200 empresas e 60 relatores abordan hoxe e mañá o uso das tecnoloxías libres na Industria 4.0 e nos sectores primarios na LibreCon2017, organizada pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Federación Nacional de Empresas de Software Libre (Asolif) e que conta co apoio da Xunta, a través da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Gain e Igape.

Na inauguración do encontro, a directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que no actual momento de transformación dixital, o software libre ten demostrado a súa capacidade como solución competitiva no proceso de modernización de diferentes sectores. Neste sentido, lembrou que desde 2010 a Xunta colabora cos axentes do software libre galego na elaboración do seu Plan anual para impulsar o uso do software libre en todos os ámbitos da sociedade.

A aposta da Administración autonómica polo software libre reflíctese no seu uso en proxectos tecnolóxicos estratéxicos como o proxecto Abalar en educación e noutros da Administración electrónica como o nodo de interoperabilidade das administracións públicas galegas (PasaXe), ou o sistema de xestión bibliotecaria. Ademais, desde a Xunta avógase pola reutilización do software e mantense o compromiso da Administración autonómica de liberar dous proxectos anuais no Repositorio de Software Libre de Galicia.

Impulso software libre tecido empresarial e na sociedade

O Plan de Software Libre 2017 recolle un total de 110 actuacións para impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas e incrementar o seu uso e coñecemento por parte da sociedade, potenciando as tecnoloxías libres nos programas de capacitación dixital da rede CeMIT e da Escola Galega de Administración Pública.

No sector empresarial, os últimos anos constatan unha tendencia crecente no seu uso. Actualmente preto do 86% das empresas con máis de 10 empregados e con sede en Galicia empregan Software Libre, unha porcentaxe que ascende ao 90% no caso do sector TIC. Pese a isto o descoñecemento e falta de referencias sobre os  produtos de software seguen sendo unha barreira para que as empresas aposten polo software libre.

Para paliar este descoñecemento, o Centro Demostrador TIC da Amtega vén desenvolvendo un importante labor desde 2011 na divulgación de solucións empresariais de código aberto con accións demostradoras, xornadas e difusións prácticas de solucións. Ademais, incrementou a súa oferta de servizos con novas ferramentas como o Centro Demostrador TIC Virtual, que ofrece peto dunha decena de solucións empresariais de software libre que as empresas poden probar de xeito gratuíto.