Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Máis dunha vintena de profesionais e estudantes inician o primeiro curso de especialista universitario en 5G de Galicia

• A directora da Amtega e o reitor da Universidade de Vigo inauguraron hoxe a primeira edición desta formación especializada, enmarcada no Plan Galicia 5G
• Será impartido por expertos de multinacionais de telecomunicacións, fabricantes de tecnoloxías e docentes da Universidade
• A Xunta puxo en marcha o Plan 5G ano pasado para situar á Comunidade como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas nesta tecnoloxía
• Xa están pechados 17 casos de uso 5G en ámbitos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación


Os 23 matriculados no primeiro Curso de Especialista Universitario en tecnoloxías de Quinta xeración 5G recibiron hoxe a benvida da directora da Axencia para Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, na xornada inaugural que se celebrou esta mañá na Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións.
 
A posta en marcha deste Curso é froito dun acordo subscrito este ano entre a Amtega, a Universidade de Vigo, e o operador público Retegal o pasado mes de febreiro. Este programa formativo, enmarcado no Plan Galicia 5G da Xunta, ofrece a  diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G. 
 
Impartido por expertos
Os alumnos son,  maioritariamente, profesionais do sector tecnolóxico cunha experiencia laboral de entre cinco e dez anos, aos que suman estudantes de Master ou nos últimos anos de Grao e persoas en situación de desemprego.
 
O curso, con 200 horas lectivas, estrutúrase en 6 módulos, que se impartirán presencialmente os xoves e venres polas tardes Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións durante os meses de setembro a decembro máis o proxecto fin de curso. Superadas todas as fases, os alumnos obterán o título de “Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración (5G)”.
 
O cadro docente está integrado, tanto por profesores da Universidade como por profesionais expertos do sector, tanto de operadores (Movistar, Orange, Vodafone), como fabricantes (Nokia Spain, Ericsson) e desenvolvedores de solucións verticais (PSA, RTVE, CTAG, SERGAS). 
 
Plan Galicia 5G
O Plan Galicia 5G é ferramenta estratéxica da Xunta de Galicia para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes en Galicia  Coa sinatura do acordo, o pasado mes de xaneiro, para a posta en marcha deste Curso, a  Universidade de Vigo, formalizou a súa adhesión ao Nodo de Cooperación 5G, un punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5 G de Galicia. En novembro formalizábase a adhesión ao nodo os operadores Vodafone, Orange e Telefónica para realizar casos de uso con esta tecnoloxía en ámbitos de especial interese para Galicia.
 
Preto dunha vintena de pilotos 5G
A Comunidade foi a primeira do Estado en poñer en marcha un plan para situarse como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posibles casos de uso localícese na Comunidade.
 
No último  ano as diferentes medidas do Plan autonómico foron conformando un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G:
 
No primeiro trimestre do ano pechouse o compromiso de Vodafone, Orange e Telefónica para realizar 9 casos de uso con tecnoloxía 5G.
En maio a Comunidade acolleu a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial
En xuño Vigo e A Coruña foron das primeiras cidades en contar con redes 5G.
e, xunto con Andalucía, Galicia é unha das dúas comunidades, que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos de 5G, subvencionados por Red.es.
 
En total, impulsados polo Plan da Xunta e polo Estado, desenvolveranse 17 casos de uso en 5G en ámbitos de especial interese para Galicia como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.