Máis do 85% dos fogares galegos dispón de servizo de internet contratado

Venres 26 de Xullo de 2019

Máis do 85% dos fogares galegos dispón de servizo de internet contratado

• Entre 2015 e 2018 Galicia rexistrou un incremento dun 20% na porcentaxe de vivendas que contratan o acceso á rede, o dobre que o conxunto do Estado
• O crecemento máis importante rexístrase nos núcleos de menos de 5.000 habitantes que creceron máis de 15 puntos en tres anos
• Aumenta, tamén, a porcentaxe de galegos que usa internet, que se sitúa no 80%, 10 puntos máis que no 2015
• A franxa de idade que experimenta unha maior progresión no uso da rede é a dos galegos de máis 65 anos, que pasan dun 21% no 2015 a un 35% en 2018
• Dous de cada tres internautas xestionaron online coa Administración, o que sitúa a Galicia 20 puntos por riba da media estatal no uso da Administración dixital
• Máis do 98% dos galegos emprega o teléfono móbil para acceder a internet desde o fogar fronte un 65,8%, que emprega o portátil
• As apps máis usadas son as redes sociais, ás que acceden o 94,5% dos galegos con móbil, seguidas das de metereoloxía cun 71% de usuarios e as de banca electrónica cun 53%
• Máis do 46% dos galegos compra online, sobre todo, roupa, servizos relacionados coas viaxes, material deportivo e entradas para espectáculos
• Un terzo dos usuarios recoñece ter sufrido incidentes de seguridade na rede e máis dun 62% facilitou voluntariamente información persoal e de contacto

O 85,6% dos fogares galegos ten un servizo de internet contratado, segundo se recolle no estudo “A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2018”, publicado hoxe. Esta porcentaxe supón un incremento dun 20% respecto ao ano 2015, o dobre que o rexistrado no conxunto do Estado no mesmo período de tempo.

O informe, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito a Amtega, amosa que o crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Así nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a porcentaxe de fogares con servizo de internet sitúase no 69%, fronte ao 54,4% de 2015; e nos núcleos de 5.000 a 10.000 habitantes o 81% do fogares dispoñen deste servizo, fronte ao 65,5% rexistrado tres anos antes.

Cómpre destacar como a convivencia con nenos eleva, considerablemente, a porcentaxe de contratación de internet. O 99% dos fogares con nenos en idade escolar teñen internet contratado mentres que nos fogares sen nenos a porcentaxe descende ata o 81,4%.

Máis uso de internet

No 2018 amén aumenta a porcentaxe de usuarios de Internet, que acada o 80%, 10 puntos máis que tres anos antes. Neste indicador destaca o incremento rexistrado entre os maiores 65 anos, dos cales un 34,8% accederon a internet en 2018, mentres que en 2015 esta porcentaxe non superaba o 21%. Aumenta, tamén, o uso entre as persoas de 55 a 64 anos, que pasa dun 50% en 2015 a máis dun 67% en 2018.

Este incremento é especialmente significativo en Galicia, onde máis do 25% da poboación ten máis de 65 anos. Nas restantes franxas de idade, os galegos igualan ou superan a media estatal no uso da rede con valores por riba do 96%,agás na franxa dos 45 aos 55 anos que se sitúa nun 88,8%, só a 2 puntos de distancia da media do Estado.

Ao igual que na contratación, a convivencia con nenos incide significativamente no uso de internet. Así, nos fogares con nenos en idade escolar obrigatoria a porcentaxe de uso sitúase no 93,5% mentres que nos fogares sen nenos descende ata o 75,3%.

Dispositivos, usos e apps

O móbil desbanca ao portátil para acceder á rede. O 98,2% dos fogares galegos empregan o teléfono móbil para conectarse a internet, mentres que o ordenador portátil é empregado polo 65,8% dos fogares.

Aos usos habituais da Rede, como a busca de información ou o envío de correos electrónicos, súmanse novos usos como a banca electrónica, que empregan o 58,9 dos galegos ou os espazo de almacenamento na nube, aos que recorren o 46,5% dos internautas.

O 76,5% da poboación que utilizou Internet empregou redes sociais nos últimos tres meses, destacando as orientadas á comunicación e ao intercambio de mensaxes (Whatsapp, Telegram, Skype...), de modo que a actividade máis estendida en redes é a de chatear e/ou enviar mensaxes.

En canto ás aplicacións no móbil, as máis empregadas polos galegos son as redes sociais, ás que acceden o 95,6% dos galegos con smartphone, seguidas das de metereoloxía cun 71% de usuarios e as de banca electrónica cun 53%.

Preto dun terzo sufriu incidentes de seguridade en Internet

O 28,5% dos internautas galegos declararon ter sufrido algún incidente relacionado coa seguridade en Internet no último ano. A recepción de spam é o incidente máis frecuente (82,3%), seguido a moita distancia polo ataque de virus e/ou software malicioso (20%).

Un dos riscos asociados aos incidentes de ciberseguridade é facilitar información de carácter persoal a través de Internet. Neste senso, cabe salientar que un 62,7% dos internautas galegos facilitaron voluntariamente información de contacto e datos persoais. Ademais, a metade dos internautas (51,3%) facilitaron detalles de pago, como número de tarxetas de crédito ou de contas bancarias.

A desconfianza ante os posibles perigos da navegación ou uso de Internet, tamén incide nas redes WIFI ás que se conectan. Así, un 40,6% dos internautas galegos verifica que as redes WIFI distintas á do seu domicilio cumpre cuns requisitos mínimos de seguridade e só se conecta a redes WIFI con seguridade.

Roupa e viaxes, as compras on line preferidas

O 46,6% dos internautas fixo algunha compra a través da Rede nos últimos tres meses. Entre os produtos e servizos adquiridos destacan a roupa e complementos (52,3%), produtos e servizos relacionados coas viaxes (billetes para medios de transporte, aluguer de coches, hoteis... (33,5%), roupa e material deportivo (31,7%) e entradas para espectáculos (29,8%).

Xestións online coa Administración

Dous de cada tres internautas xestionaron online coa Administración no último ano, o que sitúa a Galicia a 20 puntos por riba da media estatal no uso da Administración dixital.

As xestións sanitarias, como a solicitude de cita médica ou o cambio de tarxeta, xunto coa tramitación da declaración da renda, son as xestións administrativas más frecuentes. O 72% dos galegos fixo xestións sanitarias coas administracións no último ano e o 50,4% utilizou Internet para presentar a declaración da renda.

En torno ao 13% os internautas galegos empregaron Internet para facer xestións educativas, universitarias ou non, apuntando tamén un incipiente 5% de trámites agrogandeiros realizados en liña, como a solicitude de permisos de queima ou movemento de gando.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org