Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Máis do 70% das accións formativas da EGAP serán mediante teleformación en 2012

O Plan de Formación ten coma obxectivo contribuír á mellora da calidade dos servizos públicos e aumentar a capacitación profesional dos empregados

A Escola Galega de Administración vén de publicar no Diario Oficial de Galicia o seu Plan de Formación continua para o persoal da Administración Autonómica de Galicia para o vindeiro ano 2012, no que destaca que, case un 72% das accións formativas levadas a cabo pola Escola serán na modalidade de teleformación.

Para o ano 2012, a Escola aposta firmemente polas accións formativas na modalidade de teleformación a través da implantación dun proxecto pedagóxico que ordena os procesos de aprendizaxe nun estándar común. Esta modalidade formativa facilita o acceso á formación daqueles empregados públicos que, pola existencia de barreiras xeográficas ou dificultades de conciliación da vida laboral e familiar, non poden optar á modalidade presencial. Haberá unha maior descentralización da oferta formativa en teleformación, sendo a maioría dos exames de teleformación nas localidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol.

O Plan de formación para o ano 2012, está estruturado en accións formativas de carácter xeral e especifico, referidos ás áreas de dirección e xerencia pública, economía e finanzas, procesos de traballo, normativa e organización autonómica, idiomas, e coñecementos transversais, entre outros. E ten coma obxectivo contribuír á mellora da calidade dos servizos públicos e aumentar a capacitación profesional dos empregados da administración.

As principais liñas de actuación do Plan de formación continua, son a continuación da procura da excelencia na calidade, tanto na área formativa, como na xestión da propia Escola, de acordo co modelo europeo de xestión da calidade EFQM e conforme á norma UNE-EN ISO 9001:2008; a aposta por liñas de acción innovadoras, coma son o proxecto de acreditación de competencias EGAP 2.0; a adecuación da oferta formativa ás demandas e ás expectativas da Administración e dos empregados públicos, continuando coa oferta nas áreas de maior demanda.

Cara ao ano 2012, o Plan de Formación Autonómica ofrecerá no próximo ano 14.474 prazas. Tamén se manterá a oferta formativa en linguas estranxeiras con 51 actividades formativas e 1.695 prazas. Cómpre destacar o mantemento da oferta formativa en linguas estranxeiras coa convocatoria de cursos de lingua inglesa, francesa, portuguesa, alemá, rusa, árabe e chinesa. Estes cursos de idiomas estranxeiros foron os mellor valorados durante o ano 2011, cunha media de 4,7 sobre 5. Nesta área, as puntuacións medias oscilan entre 4,5 (lingua alemá) e o 5,0 (lingua árabe).