Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Máis de noventa axentes do sector agrogandeiro galego participan este martes nunha nova xornada sobre o proxecto Primare

• A Xunta organiza un novo encontro para dar a coñecer o proxecto de inspeccións intelixentes avanzadas para a automatización dos controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC)
• Responsables de explotacións agrarias coñecerán tamén outras futuras aplicacións que lles ofrecerá a plataforma Primare
• A xornada inclúe unha demostracións con drons para a captura de información


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organiza o próximo 22 de outubro no concello de Meira (Lugo) a xornada “Primare Demo-Day” para dar a coñecer as oportunidades e retos do proxecto piloto de innovación ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ para a automatización dos controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC).

Trátase da segunda das xornadas previstas, trala celebrada o pasado 17 de setembro en Forcarei (Pontevedra), para que responsables de explotacións agrarias, en especial dos beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC), e outros axentes do ámbito agrario coñezan de primeira man o potencial do uso de medios tecnolóxicos para aumentar a eficiencia e reducir a complexidade da realización dos controis asociados ás axudas da PAC. 

O programa inclúe ademais a presentación de futuras aplicacións para que os agricultores se involucren de forma activa nos procesos de inspección da PAC e se beneficien de servizos de valor engadido para facilitar a xestión das explotacións agrarias. 

Así mesmo, incorpora unha actividade de campo para os que estean interesados en coñecer o funcionamento do uso de medios aéreos non tripulados – drons - para a captura e xestión de información xeográfica, territorial e agroambiental xeorreferenciada das explotacións.

A asistencia á xornada é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/ 

Proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas
O proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro, e en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados, e outros sistemas tecnolóxicos).

Trátase do primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, que conta cun orzamento de 4M€ cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative“.