Máis de 330.000 galegos de 258 concellos sen cobertura de redes ultrarrápidas disporán de acceso a internet de 100 mpbs no 2020

Mércores 06 de Xuño de 2018

Máis de 330.000 galegos de 258 concellos sen cobertura de redes ultrarrápidas disporán de acceso a internet de 100 mpbs no 2020

• O Plan de Banda Larga da Xunta e as iniciativas estatais incrementarán ata o 74% a porcentaxe de poboación con posibilidade de contratar Internet de alta velocidade
• O operador Telefónica, adxudicatario de diferentes liñas de axuda autonómicas e estatais, dotará de cobertura de redes ultrarrápidas a 258.000 galegos do total previsto ata agora
• O Estado adxudicará este ano novas axudas por importe de máis de 18 millóns de euros para estender fibra óptica na Comunidade

As actuacións en macha do Plan de Banda Larga da Xunta e do Estado garanten que máis de 330.000 galegos de 258 concellos, que carecen de acceso a redes ultrarrápidas, teñan cobertura de 100Mbps de velocidade no 2020. O operador Telefónica, adxudicatario da última liña de axudas do Plan autonómico e doutras subvencións estatais, cubrirá preto do 80% dos habitantes previstos con ambas medidas. Así o explicaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez.

Dos máis de 330.000 habitantes beneficiados por estas medidas un total de 74.400 viven en núcleos de menos de 300 habitantes e contarán con acceso á fibra óptica grazas a axuda de 14,2 millóns de euros que a Xunta concedeu a Telefónica no marco Plan de Banda Larga de Galicia 2020. Ademais, como adxudicatario doutras axudas estatais, Telefónica facilitará o acceso a redes ultrarrápidas a outros 184.000 galegos de núcleos de maior tamaño e os habitantes restantes cubriranse coas actuacións doutros operadores que accederon as subvencións do Estado. 

Mais de 35 millóns de euros públicos

En total os plans autonómicos e estatais supoñen un investimento público de 35,2 millóns de euros para incentivar a extensión de fibra óptica en núcleos dun total de 258 concellos galegos que non dispoñen desta tecnoloxía nin previsión de contar con ela.

Ambas medias  garanten que en 2020 o 74% dos galegos terán acceso a redes de máis de 30 Mbps, unha porcentaxe que se incrementará coas novas convocatorias do Estado. A última foi publicada en abril por un importe de 18,5 millóns de euros, e prevese que se resolva en outono. 

Banda larga en polígonos

A extensión de fibra en núcleos de poboación é a terceira actuación do Plan de Banda Larga da Xunta 2020, que se suma á de polígonos e á de axudas á empresas illadas do rural. 

Este ano completarse a conexión de 81 polígonos industriais de toda Galicia a redes de ata 350 Mbps, que sumados aos que xa contan con redes ultrarrápidas serán un total de 130 superficies empresariais, que representa o 93% da superficie empresarial ocupada. 

Redes ultrarrápidas en empresas e centros educativos

Ademais, a finais de ano está previsto lanzar unha nova liña de axudas para facilitar a conexión a empresas de zonas illadas Na convocatoria de 2017 beneficiáronse destas axudas máis de 30 empresas de zonas illadas das catro provincias, que puideron conectarse a internet de entre 50 e 350 Mbps  400.000 euros tamén cofinanciados con  FEADER. 

No ámbito educativo, en colaboración co Estado, estase a desenvolverse a iniciativa “Escolas Conectadas” que está na recta final para dotar a máis de 800 centros educativos públicos con redes de máis de 100  Mbps. Unha vez finalizada esta actuación, nos próximos meses, o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria de toda Galicia terán acceso a redes  ultrarrápidas.