Máis de 3.000 persoas inscritas nas listaxes de técnicos sanitarios poden consultar xa o seu número de orde e puntuación no expedient-e

Mércores 12 de Setembro de 2012

Máis de 3.000 persoas inscritas nas listaxes de técnicos sanitarios poden consultar xa o seu número de orde e puntuación no expedient-e

Son as primeiras listaxes definitivas de contratación xestionadas a través do Expedient-e, que comezarán a ser utilizadas o 1 de outubro

Con respecto ao método anterior, e no ano da posta en marcha do novo sistema, reduciuse en seis meses o tempo de resolución do proceso

No mes de outubro convocaranse 10 novas categorías sanitarias e nos vindeiros días tamén publicaranse as listaxes definitivas de PSX, celadores e auxiliares administrativos, e as puntuacións provisionais de enfermería, enfermería 061, traballador social, psicólogo clínico e logopeda

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se da publicidade as listaxes definitivas para contratación temporal nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde coas persoas inscritas nas categorías de técnicos de formación sanitaria seguintes:

Nome Categoría

TÉCNICO/A SUPERIOR EN ANATOMÍA PATOLÓXICA E CITOLOXÍA

TÉCNICO/A SUPERIOR EN HIXIENE BUCODENTAL

TÉCNICO/A SUPERIOR EN LABORATORIO DE DIAGNÓSTICO CLÍNICO

TÉCNICO/A SUPERIOR EN IMAXE PARA O DIAGNÓSTICO CLÍNICO

TÉCNICO/A SUPERIOR EN RADIOTERAPIA

As listaxes xeradas son as primeiras listas definitivas que se xestionan a través do Expedient-e, acadando, no ano de posta en marcha do novo sistema, unha redución de seis meses no tempo de resolución do mesmo proceso con respecto ao método anterior.

Os profesionais poden consultar no seu expediente a súa puntuación e número de orde para os chamamentos que empezarán a realizarse o día 1 de outubro de 2012.

Coa entrada en vigor destas listas, comezarán tamén a aplicarse as normas de xestión do Novo Pacto de selección temporal que introduce importantes novidades, como a eliminación do período de descanso forzoso para os profesionais que tiveran traballado más de 360 días nos últimos tres anos.

Tamén hai novidades con respecto aos chamamentos á contratación, que pasan a ser realizados directamente polas Estruturas de Xestión Integrada para as áreas sanitarias de A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Salnés, Ourense e O Barco, en substitución das xa extintas Direccións Provinciais de A Coruña e Ourense.

Próximas publicacións

En vindeiras datas, publicaranse as listaxes definitivas de PSX, celadores e auxiliares administrativos, categorías para as que o prazo de inscrición rematou o 31 de xaneiro de 2012.

As próximas listas a publicar con puntuación provisional serán as de Enfermería, Enfermería 061, traballador social, psicólogo clínico e logopeda.

Convocatoria de novas categorías

No vindeiro mes abrirase a inscrición nas categorías seguintes:

1. Farmacéutico/a de Atención Primaria.
2. Odontólogo/a.
3. Fisioterapeuta.
4. Enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo.
5. Enfermeiro/a especialista en saúde mental.
6. Terapeuta ocupacional.
7. Técnico/a superior en documentación sanitaria.
8. Técnico/a superior en dietética e nutrición.
9. Técnico/a en farmacia.
10. Técnico/a en coidados auxiliares de enfermería

Como novidade, os aspirantes destas categorías xa poderán utilizar o pago electrónico de taxas, a partir de agora incorporado ao Expedient-e para todos os procesos nos que se devenguen as mesmas.

Con estas 10 novas convocatorias, serán xa 32 categorías as xestionadas a través do Expedient-e. Os profesionais xa inscritos e novos interesados poderán introducir novos méritos de forma aberta e permanente, e está prevista a xeración de novas listas con carácter anual.

Todo o persoal que traballa no Servizo Galego de Saúde poderá ver a súa vida profesional a través do Expedient-e, participar nos distintos procesos e consultar os seus resultados, gañando así en axilidade, transparencia e modernización.