Máis de 1.300 veciños dos concellos de Manzaneda e O Bolo xa poden acceder a internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Domingo 01 de Xaneiro de 2012

Máis de 1.300 veciños dos concellos de Manzaneda e O Bolo xa poden acceder a internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Os despregamentos do Plan conseguiron que a porcentaxe de cobertura en Manzaneda pasara do 4% a máis do 60%

O municipio de O Bolo incrementou en máis dun 70% os habitantes con acceso á rede xa que antes do Plan tiñan unha cobertura practicamente nula.

O  Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia posibilitou que 1.350 habitantes dos municipios ourensás de Manzaneda e o Bolo  que carecían de acceso á Rede teñan a posibilidade de conectarse a Internet.  O obxectivo do Plan, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, é acadar no 2013 o 100% de cobertura na comunidade.

No Concello de Manzaneda antes do Plan a porcentaxe de poboación con acceso a internet apenas superaba o 4%. Grazas as accións do Plan hoxe en día máis do 60% dos veciños deste concello teñen a posibilidade de conectarse á rede. A previsión é que cos avances do Plan no 2013 se supere o 90% de poboación cuberta e a porcentaxe restante se completará vía satélite.

O punto de partida do municipio de O Bolo era dunha cobertura practicamente nula. Os despregamentos do Plan no concello conseguiron dotar de acceso a Internet a máis do 70% dos veciños. En 2013 as accións postas en marcha permitirán chegar ao 83% dos habitantes do concello. A solución satelital permitirá chegar ao 100% de cobertura.

O Plan reduciu en máis da metade os  galegos sen cobertura na Comunidade

A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa máis de 393.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á Rede chegue ao 87,30% fronte ao 70% existente en 2009.

A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2010 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un  5,5%.

Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.