Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Máis de 10.000 empregados públicos acóllense á flexibilidade horaria e ao teletraballo como medidas de conciliación

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, informou hoxe en rolda de prensa do balance destas iniciativas, que entraron en vigor en 2014

Máis de 10.000 empregados do sector público autonómico están a utilizar a flexibilidade horaria e o teletraballo como medidas de conciliación familiar e laboral, logo de que estas iniciativas se puxeran en marcha en 2014.

Así o explicou hoxe en rolda de prensa a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, que resaltou a boa acollida destas medidas, que supoñen vantaxes tanto para a organización como para os traballadores. Ao tempo, melloran a organización e distribución do tempo de traballo, así como o coñecemento das necesidades dos distintos servizos.

Xa máis polo miúdo, detallou que a flexibilidade horaria pode motivarse ben por razóns de conciliación, ou de xeito automático. Naqueles casos derivados da necesidade de conciliación, a franxa de traballo permitida esténdese entre as 7,30 e as 18,30 horas de luns a venres (agás nos casos nos que sexa preciso establecer unha franxa de traballo obrigatoria). A flexibilidade autonómica mantén un horario fixo de presenza diaria de 9,00 a 14,30, mentres que a franxa flexible ata completar a xornada laboral é a restante, isto é, entre 7,30 e 9,00; e entre 14,30 e 18,30.

Os horarios poden ser superiores ás 18,30 sempre que o centro permaneza aberto, e tendo como hora máxima as 20,00 horas. Ademais, os empregados con horario flexible poden compensar as posibles demoras no mes seguinte ao que se produza o incumprimento.

Actualmente, hai 8.747 empregados con flexibilidade horario automática, e 1.223 por razóns de conciliación (con menores de 12 anos ou dependentes ao seu cargo), o que suma un total de 9.970. De feito, e como proba da boa acollida desta iniciativa, no que vai de ano lévanse acollido a esta fórmula 620 empregados públicos.

Por xénero, a maioría das solicitudes autorizadas de flexibilidade automática son de mulleres (60,29%), unha porcentaxe que aínda é lixeiramente superior no caso da flexibilidade por razóns de conciliación (65,4%).

Teletraballo

Ademais da flexibilidade, os empregados e empregadas públicas poden desenvolver as súas tarefas fóra das dependencias da Administración autonómica mediante o emprego de novas tecnoloxías, sempre e cando cumpran unha serie de requisitos e que a natureza do seu posto o permita.

O número máximo de xornadas que poderán efectuarse nesta modalidade serán de 3 á semana e a súa concesión, salvo prórroga, non excedera o ano de duración.

Actualmente, un total de 235 persoas prestan servizos a través desta modalidade de traballo non presencial, a maioría deles (167) nos servizos centrais. Deste total, 121 corresponden a prórrogas, froito da boa experiencia e beneficios desta medida. Por xénero, as mulleres representan o 57,14% das persoas que están teletraballando, e os homes, o 42,86%.

Os postos autorizados para teletraballo por tipoloxía son fundamentalmente asesores xurídicos, corpos de inspección (farmacéutica, urbanística, de traballo, de saúde pública...), tradutores, informáticos, e outros postos que desenvolven funcións que poden ser desempeñadas cun grao alto de autonomía e a distancia. Por porcentaxe, os informáticos supoñen o 34% dos postos autorizados, seguido por corpos de inspección (20%), asesores xurídicos (15%) e tradutores (2%).