Igualdade e a Egap abren a matrícula para o curso “Deseño de proxectos de igualdade”

Martes 26 de Outubro de 2010

Igualdade e a Egap abren a matrícula para o curso “Deseño de proxectos de igualdade”

Esta é a primeira actuación do convenio de colaboración entre a EGAP e a Secretaría Xeral da Igualdade

O curso está dirixido ao persoal das administracións públicas para adquirir competencias no deseño e xestión de proxectos de igualdade de oportunidades no ámbito local.

O prazo de matrícula comeza hoxe e remata o próximo 1 de novembro. O curso desenvolverase na modalidade de teleformación e con plataforma aberta as 24 horas do día, desde o 10 de novembro ata o 10 de febreiro de 2010

A Secretaría Xeral da Igualdade e a Escola Galega da Administración Pública (EGAP) abriron o prazo de matricula para o curso Deseño de proxectos de Igualdade, a primeira actuación conxunta froito do convenio de colaboración que asinaron, hai un mes, para o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador no ámbito da igualdade de xénero.

Este curso é a primeira actuación conxunta froito do convenio asinado o 28 de setembro por Marta González, secretaria xeral da Igualdade, e Pablo Figueroa, director da EGAP, e que ten como un dos seus obxectivos a posta en marcha de cursos de formación online destinados a persoal técnico de centros e recursos en materia de igualdade, dependentes das administracións locais galegas.

O curso “Deseño de proxectos de Igualdade” facilitará coñecementos prácticos ao persoal que precise deseñar e xestionar proxectos de igualdade de oportunidades no ámbito local, con 60 horas lectivas na modalidade de teleformación.

O prazo de matrícula para as 300 prazas do curso está aberto desde hoxe e remata o día 1 de novembro. A inscrición pode realizarse a través da páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.mulleresengalicia.es . O curso desenvolverase na modalidade de teleformación e con plataforma aberta as 24 horas do día, desde o 10 de novembro ata o 10 de febreiro de 2010.

O programa do curso tratará a perspectiva de xénero na xestión de proxectos, o proceso de xestación do proxecto -a toma de decisións, a identificación da necesidade, o deseño e a planificación do proxecto e a avaliación- e a xestión do proxecto -elaboración de plans, programas e proxectos de investigación, execución de actividades e plan de comunicación.