Galicia rexistra unha fenda dixital de xénero menor que a media estatal

Mércores 18 de Maio de 2016

Galicia rexistra unha fenda dixital de xénero menor que a media estatal

En tres anos a diferenza no uso do ordenador entre homes e mulleres na Comunidade pasou de 7,1 puntos en 2010 a 2,8 no 2013.

Na franxa dos 16 aos 44 anos as mulleres superan aos homes no uso de Internet.

As mulleres avantaxan aos homes en 5,6 puntos na participación en redes sociais.

Empregan máis a Administración electrónica e se forman máis en tecnoloxía.

A fenda de xénero é practicamente inexistente nos núcleos rurais mentres que é máis profunda nos núcleos urbanos e semiurbanos.

A fenda dixital de xénero no uso do ordenador en Galicia sitúase en 2,8 puntos fronte aos 4 da media estatal. Así, en Galicia, un 62,7% das mulleres e un 65,5% dos homes fixo uso do ordenador nos últimos tres meses.

A fenda dixital de xénero reduciuse neste indicador en 4,3 puntos no período 2010-2013, pasando de 7,1 puntos no ano 2010 a 2,8 no ano 2013. A nivel estatal, a diminución no mesmo período foi tan só de 2 puntos.

En canto ao uso de Internet, a diferenza entre homes e mulleres en Galicia é tamén inferior á media española con 3,8 puntos en Galicia fronte aos 4,1 do conxunto do Estado.

Estes resultados recóllense na nova edición do estudo temático “A Sociedade da Información en Galicia desde unha perspectiva de xénero”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Comportamento diferenciado nos usos da Rede
O estudo do OSIMGA conclúe que se observa un comportamento diferenciado nos usos e servizos empregados na Rede. Así, as mulleres decántanse máis por participar en redes sociais, superando aos homes en 5,6 puntos porcentuais. Ademais, as mulleres fan un maior uso na busca de información sobre viaxes e aloxamento, con 4,7 puntos porcentuais máis que os homes

Non obstante, no que se refire á descarga de software, xogos, música, películas,... e no acceso á prensa escrita dixital, os homes superan ás mulleres en máis de 6 puntos porcentuais.

As mulleres decántanse tamén máis pola realización de cursos en liña e pola busca de emprego a través de Internet mentres que os homes empregan máis a banca electrónica e usan máis a Rede para vender ou alugar bens ou servizos.

En canto ao tempo dedicado a conectarse a Internet, os homes avantaxan ás mulleres nos tramos de máis de 10 horas semanais de conexión, mentres que nos intervalos de tempo inferior a tendencia invértese.

Máis uso da eAdministración e máis formación TIC
Son as mulleres as que usan en maior medida Internet para interactuar coas Administracións Públicas para obter información de páxinas web, descargar formularios oficiais e enviar formularios cubertos, cunha diferenza de 4,5 puntos porcentuais.

Tanto os homes como as mulleres interactúan preferentemente coas AAPP a través da rede para realizar xestións sanitarias e a declaración da renda. Un 70,5% empregan a administración electrónica para realizar xestións sanitarias, case 13 puntos máis que os homes. Os homes tan só superan ás mulleres na interacción coas Administracións públicas para a declaración da renda, na petición e entrega de certificados e na tramitación de documentos persoais.

O estudo do OSIMGA tamén pon de manifesto o maior interese das galegas por formarse nas tecnoloxías da información e da comunicación. Un 29,8% das galegas asistiron algunha vez a actividades formativas sobre as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) de cando menos tres horas de duración, fronte ao 25,5% dos homes, o que supón que as mulleres avantaxan en máis de 4 puntos porcentuais aos homes neste indicador.

A idade e o hábitat, un factor determinante na fenda dixital de xénero
O estudo do OSIMGA conclúe que a fenda dixital de xénero está fortemente influenciada pola idade: na franxa dos 16 aos 44 anos as mulleres superan aos homes no uso das TIC. A partir dos 45 anos, a tendencia invértese, sendo especialmente desfavorable para as mulleres entre os 65 e os 74 anos.

As novas xeracións rompen a dicotomía tradicional: mulleres/tecnofobia, homes/tecnofilia, mostrando que non existen diferenzas de xénero significativas respecto ás habilidades e aos usos das TIC entre homes e mulleres ata os 45 anos.

O estudo do OSIMGA estuda, en detalle, a influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo, atendendo as seguintes variables xeográficas: provincias, tamaño de hábitat, áreas comarcais e nos sete concellos con maior poboación de Galicia

Se atendemos ao tamaño do hábitat, atopamos que é nos núcleos urbanos e semiurbanos (a partir de 10.000 habitantes) onde a fenda de xénero se manifesta de xeito máis significativo, mentres que nos hábitats de 5.000 a 10.000 habitantes as mulleres avantaxan lixeiramente aos homes no uso do ordenador.

Iniciativas para reducir a fenda dixital de xénero
Na actualidade, a Xunta de Galicia está a desenvolver diversas actuacións, enmarcadas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, co obxectivo firme de garantir a capacitación dixital de toda a cidadanía, en especial dos colectivos máis afectados pola fenda dixital. As principais actuacións postas en marcha son a Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) e o Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX).

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org