Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Galicia recibirá só o 0,5% dos 4.000 millóns do plan recuperación e resiliencia do estado para a conectividade

• O Estado transfire á Comunidade 19,1 millóns de euros para realizar catro actuacións predefinidas que non teñen en conta as particularidades do territorio
• Os fondos destinaranse ao reforzo da conectividade en centros públicos e polígonos industriais, na mellora de infraestruturas de telecomunicación en edificios e en axudas a colectivos vulnerables durante un ano
• As comunidades españolas soamente xestionarán o 9% do máis de 4.000 millóns do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para reforzar a conectividade
• O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase o 91 % restante para cumprir os obxectivos de Europa para 2025, entre eles o de que o 100% da poboación dispoña de banda larga ultra rápida.
• A Xunta de Galicia xa está a traballar para executar estes fondos dispoñibles da maneira máis efectiva
• A Administración autonómica xa se puxo en contacto con todos os concellos de Galicia para colaborar na identificación de centros públicos e áreas empresariais susceptibles de beneficiarse destes fondos


Galicia recibirá só o 0,5% dos 4.000 millóns do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para reforzar a conectividade e destinaranse a catro actuacións definidas polo Estado para todas as comunidades autónomas. O reparto de fondos publicouse hoxe no Boletín Oficial do Estado en catro reais decretos para a concesión directa ás comunidades autónomas das axudas para a para a conectividade dixital no marco deste plan. 
 
Segundo recolle o BOE o Estado destinará ás comunidades só un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do Plan. Ademais de tratarse dun importe mínimo, hai que ter en conta que estes fondos só se poderán empregar para a posta en marcha das actuacións xa predefinidas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
 
O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91% dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100% das poboación teña acceso a banda larga de ao menos 100 Mbps.
 
De acordo cos decretos publicados hoxe, as Comunidades Autónomas deberán desenvolver as mesmas medidas en caso de solicitar os fondos, sen marxe para decidir o mellor criterio para executar estes fondos atendendo ás súas particularidades. En concreto, os fondos deberán destinarse ao reforzo de conectividade en centros públicos de referencia,  polígonos industriais e centros loxísticos, a mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios e a execución dun programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables durante 1 ano.
 
Reparto en Galicia
Galicia contará con 19.1 millóns de euros, dos cales 8,6 millóns de euros serán para o reforzo da conectividade nos centros públicos; 4,8 millóns de euros para a mellora da conectividade en polígonos industriais; 4,3 millóns de euros para a mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios anteriores ao ano 2000 e 1,4 millóns de euros para unha axuda de 240 euros a colectivos vulnerables para a contratación de servizos de banda larga durante 1 ano.
 
A pesar das limitacións nas actuacións definidas nos reais decretos publicados hoxe, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, dirixiuse hai dúas semanas a todos os concellos da nosa comunidade para colaborar na identificación de centros públicos e áreas empresariais susceptibles de beneficiarse destes fondos. Desde xeito busca adiantar o máximo posible a planificación.
 
É de destacar que, dos menos de 20 millóns de euros aos que pode acceder a Xunta de Galicia a través destes reais decretos o prazo para a execución de todos os investimentos remata en 2023, cando o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia contempla un período de execución dos investimentos ata 2026.