Galicia pon en marcha a presentación telemática de escritos e demandas a través de Lexnet

Xoves 12 de Xuño de 2014

Galicia pon en marcha a presentación telemática de escritos e demandas a través de Lexnet

Avogados, procuradores e avogados outros profesionais da Xustiza poderán presentar demandas de xeito electrónico ou incorporar documentación a un procedemento en marcha.

Esta nova funcionalidade comezará a implantarse nas vindeiras semanas en órganos xudiciais da provincias da Coruña e Pontevedra.

Xa está operativa desde hoxe a Axenda de Sinalamentos de Vistas no portal eXustiza www.exustiza.es, que permite consultar online os xuízos previstos.

Os avogados, procuradores e outros axentes xurídicos da Comunidade poderán presentar demandas de xeito electrónico ou incorporar documentación a un procedemento en marcha, a través do sistema Lexnet. A Xunta porá en marcha esta nova funcionalidade nas vindeiras semanas en órganos xudiciais das provincias de A Coruña e Pontevedra e implantarase de xeito progresivo en Ourense e Lugo.

Este foi un dos temas que abordou hoxe a reunión permanente del Comité técnico estatal da Administración Xudicial Electrónica (CTEAJE), que se celebrou esta mañá na Cidade da Cultura, presidida polo Secretario Xeral de Xustiza, Joaquín Silguero, e na que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, en representación de Galicia e os responsables dos departamentos de xustiza e informática de Aragón, Navarra, Canarias, Cataluña, País Vasco e Valencia

Nova funcionalidade de Lexnet
Galicia é unha das primeiras comunidades en activar este novo servizo do sistema Lexnet, dentro das actuacións definidas no Plan Senda para a integración das TIC na Xustiza, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O sistema de comunicacións Lexnet permitía ata agora a Administración de Xustiza remitir notificacións electrónicas aos axentes xudiciais. Coa activación desta nova funcionalidade os profesionais do eido xudicial poderán presentar tamén demandas e escritos de mero trámite nos xulgados, é dicir, incorporar documentación a un procedemento en marcha.

Esta medida contribúe a eliminación de papel nos trámites administrativos, á redución de tempos de procedemento, facilita a integración directa cos sistemas de xestión procesual e mellora da calidade da información. Todo isto nun contexto dixital con todas as garantías xurídicas.

Máis de 10 millóns de notificacións en catro anos
Lexnet é unha plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, utilizando a sinatura dixital. O sistema Lexnet implantouse en Galicia en 2009 e a día de hoxe xa se converteu nun instrumento de traballo tan habitual no ámbito das comunicacións xudiciais, como o teléfono, o fax ou o correo electrónico. O crecemento en canto a usuarios e actividade desde foi constante nos últimos catro anos, sumando máis de 10 millóns de notificacións. No que levamos de ano, realizáronse preto de 2 millóns de notificacións a través de Lexnet, o que sitúa a Galicia no cuarto lugar por volume no ránking das catorce comunidades autónomas usuarias do sistema.

Axenda de sinalamentos de vistas
Por outra banda, hoxe entrou en funcionamento a Axenda de Sinalamento de Vistas do portal de Xustiza que facilita aos cidadáns a consulta online das vistas que se van celebrar nos órganos xudiciais dos concellos que son cabeceira do partido xudicial. A axenda permite realizar a busca da información en tres sinxelos pasos, selección de datas e lugar, selección do tipo de órgano xudicial e e número de órgano xudicial.

CTEAJE
A Comisión Técnica Estatal da Administración Xudicial Electrónica (CTEAJE) é un órgano integrado polo Ministerio de Xustiza, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado e as comunidades autónomas coa competencia de Xustiza transferida (Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Cantabria, Cataluña, Galicia, Madrid, Navarra, País Vasco e Valencia). O seu obxectivo principal é favorecer a compatibilidade e asegurar a interoperabilidade dos sistemas e aplicacións empregados na Administración de Xustiza, así como asegurar a cooperación entre as distintas Administracións.

A Comisión Permanente reúnese periodicamente, co fin de fomentar unha maior reutilización dos sistemas informáticos dentro da administración de Xustiza e facilitar que exista unha interoperabilidade entre as distintas aplicacións dos diferentes territorios.