Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Galicia expón no salón SIMO a súa iniciativa para consolidar unha educación integramente dixital, da que xa se benefician 18.000 alumnos

• A Xunta puxo en marcha en 2010 o Proxecto Abalar, que dixitalizou todas as aulas de centros públicos de 5º e 6º de primaria e todos os cursos de educación secundaria obrigatoria
• Nos últimos dous anos Abalar avanzou un paso máis coa posta en marcha da iniciativa E-Dixgal, na que están integrados este curso 267 centros que empregan o libro dixital
• Este curso os alumnos que estudan nun contexto integramente dixital dispoñen de novos provedores de contidos, dun Servizo de Soporte Premium presencial e remoto e os seus docentes contarán cun centro de creación de contidos educativos dixitais
• Ademais, todos os centros educativos públicos de primaria e secundaria dispoñen de acceso a Internet de 100 Mbps
• Estase a licitar un acordo marco que permitirá adquirir un máximo de 30.000 portátiles nos vindeiros 2 anos para alumnos e profesores dos centros Abalar que empregan o libro dixital

 

A Xunta de Galicia iniciou en 2010 unha aposta pola dixitalización da educación coa posta en marcha do Proxecto Abalar, una iniciativa que implicaba a toda a comunidade educativa: pais, nais, titores legais, docentes, e alumnado. Oito anos despois, 6.000 aulas de 5º e 6º de educación primaria, Educación Secundaria e Bacharelato son dixitais e 18.000 alumnos desenvolven a súa actividade educativa a través dunha plataforma de contidos.

Así o expuxo hoxe o director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega, Carlos Vázquez, durante a súa participación no Salón de Tecnoloxía para o Ensino, SIMO. Este encontro anual reúne desde onte e ata mañá a 225 empresas de 22 países, líderes en tecnoloxía e contidos dixitais para o ensino así como a experiencia de profesionais do ensino nun amplo programa de actividades mesas de debate, conferencias, talleres e presentacións de experiencias de vangarda que se están a desenvolver en distintos centros educativos.

Vazquez explicou que Abalar iniciou a súa andaina en 2010 cun enfoque integral, proporcionando aos centros educativos: o equipamento e a conectividade; contidos dixitais; accións de formación e difusión para docentes e familias; canles de participación a través de espazos web e aplicacións para docentes e familias.

No curso 2015-16 Abalar avanzou na súa evolución coa implantación nos primeiros centros da iniciativa de E-Dixgal para estender o libro dixital no ámbito educativo galego e avanzar na consolidación dunha educación integramente dixital.

Máis contidos, servizo premium e redes ultrarrápidas

Neste curso 2018-19, un total de 267 centros, un 73% máis que o curso pasado, e preto de 18.000 alumnos empregan o libro dixital e se benefician do paquete de melloras que se comezou a implantar de xeito progresivo o pasado curso: a incorporación dun terceiro provedor de contidos e dun novo provedor da materia de Inglés; a posta en marcha do servizo de creación de contidos educativos dixitais, a entrada en funcionamento do Servizo de Atención, Soporte e Acompañamento Premium para familias, alumnado e profesorado, así como da mellora da conectividade en todos os centros públicos de primaria e secundaria.

Ademais, a Administración autonómica está a licitar un acordo marco que permitirá a adquisición de ata 30.000 equipos portátiles durante os vindeiros 2 anos. Esta fórmula garante a dispoñibilidade de equipos en función das necesidades e a evolución da iniciativa nos centros, e a homoxeneidade do equipamento co que se dotará aos novos centros que se incorporen ao uso do libro dixital no marco do Proxecto Abalar.

A mellora das infraestruturas de telecomunicación é un aspecto clave no estratexia de innovación educativa. O 100% dos centros educativos públicos de primaria e secundaria conta neste novo curso con acceso a internet cun mínimo de 100 Mpbs, grazas a iniciativa “Escolas Conectadas”, desenvolta en colaboración co Estado cun investimento de máis de 17 millóns de euros.