Galicia dispón do primeiro campus virtual de España de formación para o emprego co obxectivo de mellorar a capacidade laboral dos traballadores galegos
• A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe en Santiago de Compostela á Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap) a nova ferramenta da Xunta que se achegará a todos os concellos e posibilitará unha formación moderna con todas as garantías
• Permitirá que 15.000 alumnos e alumnas participen en ao redor de 17.000 cursos convocados no marco do Plan de formación para o emprego da Xunta de Galicia
• A plataforma porase a disposición de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia e dos 13 centros de formación de Emprego e Igualdade
• Lorenzana sinalou que esta iniciativa promoverá a conciliación, facilitando, ademais, a cualificación a persoas residentes no medio rural e aquelas que poidan ter limitada a súa capacidade para desprazarse
• A Xunta vén de ampliar o catálogo de formación para o emprego deseñado ata 2020 con actividades que chegarán a 33.000 persoas desempregadas e ocupadas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na asemblea xeral da delegación galega da Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap) na que expuxo as vantaxes que traerá a posta en marcha en Galicia do primeiro campus virtual autonómico de formación para o emprego de España, unha iniciativa da Xunta que desenvolve a Consellería de Emprego e Igualdade en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).