Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Galicia desenvolverá 17 casos de uso e pilotos de 5G nas sete grandes cidades

• O impulso do Plan Galicia 5G e as subvencións estatais sitúan á Comunidade como territorio preferente nas probas previas ao despregamento destas rede
• A directora da Amtega e o CEO de Mobile World Capital Barcelona inauguraron hoxe a xornada “Os retos do 5G en Galicia”
• Operadores e representantes de distintos sectores abordan neste encontro as vantaxes desta tecnoloxía para cuxo despregue a Unión Europea esixe aos Estados membros realizar, previamente, casos de uso
• O Observatorio Nacional 5G e a Amtega formalizaron esta mañá un acordo para colaborar e compartir coñecemento neste ámbito


A Cidade da Cultura acolle hoxe a Xornada “Os retos do 5G en Galicia. Casos de uso”, na que se presentan os 17 casos de uso 5G que se van a desenvolver na Comunidade. O encontro foi inaugurado pola directora da  Axencia para a Modernización  Tecnolóxica de Galicia ( Amtega), Mar Pereira, e o  CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, que previamente formalizaron un acordo para establecer diferentes liñas de colaboración entre o Observatorio Nacional 5G e a  Amtega no marco do Plan Galicia 5G.

A directora de  Amtega destacou que, coa posta en marcha do Plan Galicia 5G “conformamos un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G.” Neste sentido, Mar Pereira lembrou que en maio a Comunidade foi o territorio escollido para a primeira conexión 5G en  roaming a nivel internacional; que en xuño Vigo e A Coruña foron das primeiras cidades en contar con redes 5G e que Galicia, é xunto con Andalucía, unha das comunidades nas que levarán a cabo pilotos desta tecnoloxía subvencionados por Red.es.

Pola súa banda, Carlos  Grau,  CEO de Mobile World Capital Barcelona, concluíu que estamos a situar a España nunha posición de liderado en tecnoloxía 5G a nivel europeo. En concreto, para  Grau, “temos unha enorme oportunidade e só poderémola aproveitar se somos capaces de dinamizar ben a todos os axentes do ecosistema, desde empresas á administración, pasando por operadores, fabricantes e mesmo, todo o colectivo emprendedor do país”. 

Primeira Comunidade cun Plan 5G
En xullo de 2018 Galicia foi a primeira Comunidade en aprobar un Plan para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes no territorio. En menos dun ano puxéronse en marcha tres das catro liñas principais do plan. A primeira, conformar un  Nodo 5G co compromiso dos tres principais operadores (Vodafone, Telefónica e Orange) de realizar 9 casos de uso 5G.

Este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que fose a única Comunidade en presentar iniciativas dos tres principais operadores ás axudas estatais para subvencionar pilotos 5G. Finalmente, Galicia foi, xunto con Andalucía, unha das dúas Comunidades en conseguir estas axudas, tras a adxudicación de Red.es a Telefónica dunha subvención, que supoñerá un investimento público-privado de máis de 11 millóns de euros realizar outros 8 pilotos baseados nesta tecnoloxía. 

En total, e grazas ao impulso de ambas as administracións, en Galicia desenvolveranse 17 pilotos de 5G repartidos nas sete grandes cidades en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo a educación e o audiovisual. 

Casos de uso do  Nodo 5G
No marco do  Nodo 5G impulsado pola Comunidade xa se concretaron cos tres principais operadores un total de 9 casos de uso no ámbito sanitario, na loita contra incendios e emerxencias, así como nos sectores da automoción, a industria, a educación e o turismo:

Saúde
No ámbito sanitario pilotarase a capacidade do 5G para mellorar a accesibilidade a centros sanitarios de áreas rurais, de forma que poidan enviar imaxes de equipos de diagnóstico, ter acceso ultrarrápido ao historial clínico do paciente, a consultas remotas co hospital de referencia ou a monitoraxe remota de pacientes en domicilio.

Outro caso de uso será o soporte remoto para urxencias sanitarias, que permitirá, por exemplo, ao persoal médico visualizar en remoto ao ferido mediante unhas lentes  wearables, con calidade de alta definición, sen interrupcións e con baixa  latencia.

Incendios e emerxencias
No ámbito das emerxencias empregarase 5G para o envío de vídeo, imaxe e parámetros en tempo real aos centros de atención ás emerxencias.

Outro caso de uso 5G aplicarase á extinción de incendios con solucións  baseadas no uso de roupa intelixente dotada de sensores que  permitirán captar e compartir en tempo real información ambiental, imaxe e vídeo en alta calidade e acceder a cartografía en tempo real.

Automoción e industria
Aplicarase o 5G ao coche conectado para incrementar a seguridade e comodidade dos vehículos autónomos, implementando solucións para mellorar a interacción do vehículo cos sensores e información das vías.

Por outra banda, pilotarase un sistema de control de acceso e vixilancia avanzada por recoñecemento facial e matrícula de vehículos no porto de Vigo, que permitirá a autenticación dos usuarios e vehículos con acceso permitido ao recinto.

Educación, Turismo e Audiovisual
No ámbito educativo pilotarase un campus virtual para facilitar o seguimento das clases fora da aula. A través de vídeo  streaming retransmitiranse contidos didácticos de moi alta calidade aos que se superpoñerán contidos virtuais, de modo que os estudantes en remoto terán a sensación de asistir “in situ” a cáselas. 

Outro caso de uso será a aplicación do 5G ao ámbito turístico, mediante a instalación de cámaras 360º en enclaves estratéxicos que transmitirán imaxes en tempo real, ás que se lles aplicarán técnicas de realidade aumentada, o que proporcionará ao usuario a sensación dunha visita real. 

No eido audiovisual probarase a capacidade do 5G para a retransmisións en directo de eventos en ultra alta definición.