Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Galicia culminou con éxito esta mañá o proceso de liberación do segundo dividendo dixital

• Supuxo a migración das canles de TDT a novas frecuencias para deixar libre a banda que ocuparán as novas redes de telecomunicacións 5G
• Os axustes afectaron ás provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra


A Comunidade galega rematou hoxe os traballos técnicos para deixar libres as frecuencias incluídas no denominado segundo dividendo dixital. Ás 07,00 horas procedeuse ao apagado dos centros emisores da rede de telecomunicacións da empresa pública Retegal, dependente da Xunta de Galicia, para liberar esas frecuencias ocupadas ata agora polas canles da televisión dixital terrestre (TDT).

Este proceso, que se desenvolve a nivel europeo, consiste no desprazamento das canles da TDT a novas frecuencias, co fin de liberar a banda de 700 megahercios do espectro radioeléctrico na que se van despregar as futuras redes de telecomunicacións 5G.

Os centros que se apagaron esta madrugada nas provincias de Ourense e Pontevedra estaban emitindo desde febreiro nas antigas e nas novas frecuencias de modo simultáneo, co que se garantiu o mínimo impacto na poboación.

Para a execución deste proceso de liberación do segundo dividendo dixital en Galicia, Retegal tivo que actuar en 115 centros emisores nas áreas técnicas (provincias) de Ourense e Pontevedra.

En Lugo os traballos xa remataran a principios deste ano, antes da corentena por mor da covid-19. Esta liberación de frecuencias desenvolveuse nun tempo récord nun total de 89 centros emisores, concluíndo os labores na noite do 10 ao 11 de febreiro.

Polo que respecta á Coruña, esta provincia non está afectada polos axustes derivados do segundo dividendo dixital.

A maiores tamén mudou a frecuencia de emisión do múltiple autonómico noutros 216 centros de extensión de cobertura municipal.

A partir de hoxe, a emisión da programación da TVG será na canle 25 para Ourense e na 37 para Pontevedra. En Lugo emite na canle 31.

Concellos e poboación beneficiarios
Os municipios afectados polos cambios de frecuencia na TDT son 101 de Ourense (351.332 habitantes) e 60 de Pontevedra (970.905 habitantes). Mentres, en Lugo foron 58 concellos que suman unha poboación de 289.761 habitantes –a zona sur de Lugo está incluída na área técnica de Ourense-.

Os centros que se desconectaron esta madrugada son:

Provincia de Ourense:
- A Bola
- O Barco de Valdeorras
- O Carballiño
- Cenlle
- Meda
- Ourense
- Sobradelo
- Verín
- Viana do Bolo
- Xinzo de Limia

Provincia de Lugo:
- Chantada
- Monforte

Provincia de Pontevedra:
- Cangas
- Catoira
- A Cañiza
- A Curota
- Domaio
- A Guarda
- Lalín
- Lavadores (Vigo)
- Meis
- Nigrán
- Pazos de Borbén
- Pontevedra
- Redondela
- Tui

Galicia, xa preparada para o 5G
A liberación das frecuencias da TDT dentro do proceso do segundo dividendo dixital permitirá outros usos diferentes da radiodifusión, principalmente os relacionados cos servizos avanzados de comunicacións electrónicas de carácter paneuropeo, o que vén sendo a nova tecnoloxía 5G.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia estará en condicións de beneficiarse da tecnoloxía móbil 5G, o que traerá grandes avances na produtividade, competitividade e oportunidades do tecido produtivo e para o benestar social.

Previamente, o Estado deberá proceder á poxa das frecuencias liberadas da TDT, dado que é a Administración competente no proceso de adxudicación de licencias de telefonía móbil.

Impulsaranse así os servizos asociados á telefonía móbil de quinta xeración (5G), tendo en conta que o impacto desta nova tecnoloxía non se limitará ao ámbito sector das comunicacións electrónicas, senón que facilitará a introdución de aplicacións innovadoras en empresas, cidadáns e Administracións públicas, destacando as aplicacións que marcarán o futuro próximo, como o Internet das cousas (IoT), o vehículo conectado e autónomo ou a telemedicina e a telecirurxía.