Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Galicia avanza na adecuación da formación no eido das tecnoloxías marítimas ás necesidades da industria naval e das enerxías mariñas renovables

• O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar organiza este mércores un seminario online no marco do proxecto europeo MATES, no que colaboran máis de 200 expertos europeos de diferentes ámbitos, para avaliar os resultados do labor realizado ata o momento para adaptar a capacitación dos profesionais do sector aos perfís demandados polas empresas


O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar organiza o vindeiro mércores un taller online no que os socios do proxecto europeo MATES, que coordina o ente dependente da Consellería do Mar e no que colaboran máis de 200 expertos de distintos ámbitos, exporán os avances acadados nos últimos meses de investigación co obxectivo de adecuar a formación no eido das tecnoloxías marítimas ás necesidades da industria naval e das enerxías mariñas renovables.
 
O consorcio desta iniciativa europea -que comezou en xaneiro de 2018 e finalizará en abril de 2022- aspira a cubrir o desfase entre a demanda e a oferta de capacidades por parte dos traballadores nos sectores marítimos da construción naval e das enerxías mariñas renovables mediante o deseño dunha estratexia a longo prazo que propicie a mellora na formación e na adquisición de capacidades por parte dos futuros profesionais das tecnoloxías marítimas.
 
O traballo realizado ata o momento e trasladado en anteriores seminarios apunta a que o uso de combustibles alternativos e de novas fontes de enerxía renovable serán claves para o futuro do sector da construción naval, especialmente no desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en sensores e redes intelixentes así como o uso de big data. De cara ao futuro os expertos tamén consideran fundamental a dixitalización, a automatización e a robótica avanzada.
 
Os participantes neste taller -para o que a inscrición é de balde e dirixido a profesionais da construción naval e das enerxías mariñas renovables, tanto do eido da industria como da educación, a investigación ou a Administración pública- ofrecerán unha visión xeral do proxecto MATES e mostrarán os pasos seguidos para desenvolver unha estratexia de capacitación que inclúa a cuádrupla hélice nas tecnoloxías marítimas de Europa.
 
A axenda do encontro inclúe tamén a participación de representantes de organizacións e proxectos das distintas concas mariñas europeas que presentarán as súas opinións e expectativas sobre o despregue da estratexia de MATES nas súas rexións. De feito, as principais liñas de acción identificadas na primeira fase de análise do proxecto foron testadas a través de once experiencias piloto desenvolvidas polo Cetmar e os seus socios en diferentes puntos de Europa.
 
Ese traballo permitiu avaliar a posible adaptación da estratexia a diferentes contextos rexionais, probando formacións adaptadas ás necesidades emerxentes como a industria 4.0, materiais en formatos innovadores -tanto para o seu uso na aula como en contextos de aprendizaxe informal- e simulacións de espazos industriais para o seu uso con fins didácticos.
 
Recomendacións
Neste contexto, o consorcio do proxecto MATES propón unha serie de recomendacións para a cadea de valor dos dous sectores de referencia do proxecto co obxectivo de adecuar as capacidades dos traballadores ás necesidades emerxentes. Entre os aspectos analizados están as tecnoloxías dixitais e verdes, a xestión da innovación, a perspectiva de xénero, a cultura oceánica, a gobernanza e os estándares europeos da formación profesional.
 
O proxecto europeo MATES -Alianza marítima para promover a economía azul europea a través dunha estratexia de capacitación en tecnoloxía mariña- conta cun orzamento de preto de cinco millóns de euros e está cofinanciado polo programa Erasmus + da Unión Europea. Os traballos do Cetmar e dos seus socios comezaron en xaneiro de 2018 e está previsto que rematen en abril do próximo ano.