Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Feijóo: “co Plan de banda larga ningún proxecto deixará de ubicarse en ningún punto de Galicia polas súas condicións tecnolóxicas”

“O Plan de Banda Larga é a posibilidade de acceso á Rede do 100% dos galegos. A incorporación do rural galego e, por extensión, de todo o país, a un mundo xa interconectado e, na práctica, sen fronteiras”, explica.

Destaca que o Plan permitirá reforzar a idea de Galicia como “cidade única, como unha cidade global que necesita unha comunicación global” que implica estar conectada por “terra, mar, aire... e cable”.

Resalta que “as telecomunicacións constitúen a infraestrutura clave para o desenvolvemento da economía dixital moderna”.

Lembra que o Plan conta “cun investimento de 232 millóns de euros, dos que a Xunta aporta directamente dos fondos públicos máis de cen”.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe, durante a presentación do Plan de Banda Larga 2010-2013, que grazas ao mesmo “ningún proxecto deixará de ubicarse en ningún punto de Galicia polas súas condicións tecnolóxicas”. Neste sentido, Feijóo destacou o compromiso do seu Goberno “medido en tempo, medido en orzamentos e medido en accións”, para que “durante os anos 2011, 2012 e 2013 se poida cumprir coas comunicacións, non só viarias, que tamén, se non finalizar a comunicación integral de Galicia coa banda larga”. 

Para acadalo, o mandatario galego lembrou algunhas das cifras máis importantes do Plan que, “cun investimento de 232 millóns de euros, dos que a Xunta aporta directamente dos fondos públicos máis de cen”, persegue achegar o acceso a internet “ao 100% dos galegos”. “O 94% da poboación galega terá acceso a un servizo de banda larga de calidade. O 6% restante accederá a través de servizos de acceso vía satélite”, explicou.

Así, Feijóo sinalou que dentro destes obxectivos, a Xunta “priorizará ás provincias de Lugo e Ourense” coa meta de reducir a fenda dixital existente con Pontevedra e A Coruña. “O 40% da poboación sufre un apagado tecnolóxico. En Lugo, ese apagado é superior en 16 puntos ao resto da media galega”, apuntou. E engadiu: “O acceso á Banda Larga non é outra cousa que a interconexión de todos os centros de saúde, de todos os xulgados, de todos os parques empresariais, de todos os polígonos industriais...Non é outra cousa que a interconexión de Galicia. Isto é o Plan de Banda Larga: a posibilidade de acceso á Rede do 100% dos galegos. A incorporación do rural galego e por extensión, de todo o país, a un mundo xa interconectado e, na práctica, sen fronteiras”.

Galicia cidade única
Así mesmo, o presidente galego destacou que o Plan permitirá reforzar a idea de Galicia como “cidade única, como unha cidade global que necesita unha comunicación global” que implica estar conectada por “terra, mar, aire... e cable”.

Neste sentido, Feijóo recordou que Galicia xa se atopa “comunicada polas infraestruturas, coa inmensa maioría da poboación a dez minutos dunha vía de alta capacidade” grazas ao “Plan Move que se está a desenvolver”. Así mesmo, Galicia tamén está “comunicada polos servizos sociais públicos de calidade”, de feito que “vivamos onde vivamos teñamos un centro de saúde e os mellores hospitais, xa non de España, se non tamén de Europa”. En definitiva, proseguiu Feijóo, “unha Galicia comunicada que se devolve equilibradamente e na que se busca incidir naqueles lugares onde máis se precisa”.

Así, explicou Feijóo, se ben “historicamente Galicia se incorporou tarde á industrialización, a revolución das novas tecnoloxías proporciona unha nova oportunidade”. “As telecomunicacións constitúen a infraestrutura clave para o desenvolvemento da economía dixital moderna. Abre a porta á xeración de novos empregos, á adquisición de novas competencias e á identificación de novos mercados; e é clave para impulsar a innovación das empresa e estimular o crecemento económico”, concluíu.

Reverter as situacións de desigualdade social
Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, incidiu en que o obxectivo do Plan é reverter a actual situación de desigualdade social que vive a comunidade en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións, e contribuír ao aproveitamento das TIC como motor para a dinamización e a competitividade empresarial, así como a modernización dos servizos públicos. Será, segundo Mar Pereira, un despregamento de infraestruturas baseado na eficiencia e na cooperación de todos os axentes implicados, o que permitirá que a dotación orzamentaria de 102 millóns de euros da Xunta de Galicia poida superar os 230 millóns mobilizando capital privado e doutras administracións.

A responsable de Modernización explicou o proceso de desenvolvemento de infraestruturas que permitirá o acceso aos servizos avanzados da Sociedade da Información de cidadáns e empresas de todo o territorio galego. En primeiro, lugar están as actuacións que contribuirán á vertebración territorial, como o despregamento de redes fixas que achegará a banda larga a máis de 170 núcleos de máis de 100 habitantes e parques empresariais e polígonos industriais con deficiencia de cobertura, o que supón arredor de 100.000 persoas; a extensión de redes sen fíos a preto de 9.000 núcleos que non se cubran coas actuacións anteriores e que equivalen a máis de 400.000 habitantes; e a potenciación do operador público Retegal que permitirá reducir custes e acelerar o despregamento da banda larga.

Outra liña de actuación é a universalización do servizo que dotará de cobertura a outras 143.000 persoas que vivan en zonas que pola súa dispersión ou xeolocalización non foran incluídas nas actuacións anteriores. Finalmente, o desenvolvemento de infraestruturas completarase coas de redes de nova xeración que alcanzan velocidades de ata 100 Mbps

O denominador común de todas estas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade, con velocidades de acceso superiores a 2Mbps, podendo chegar a 100Mbps no caso de redes de nova xeración

O despregamento das infraestruturas de telecomunicación permitirá cambiar a situación actual da Comunidade na que -segundo recordou a secretaria xeral- un total 786.000 galegos (o 30% da poboación total), preto de 35.000 empresas (16%) e 589 entidades de poboación con algunha entidade administrativa non teñen posibilidade de acceso á banda larga.

Mar Pereira enumerou tamén as medidas que axilizarán a creación de novas infraestruturas, como a elaboración dun plan de aproveitamento das xa existentes; a posta en marcha dun portelo único de información, asesoramento e soporte para o conxunto da sociedade galega, e a ampliación do actual Mapa de Infraestruturas para dispor de información ampla e fiable das redes actuais. Destacou, ademais, a importancia de incentivar a demanda e mitigar as barreiras culturais que frean o emprego das novas tecnoloxías levando a cabo programas de capacitación e achegamento aos usuarios, incluíndo subvencións económicas para os colectivos menos favorecidos.