Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Feijóo avanza que o proxecto Abalar permitirá, nesta lexislatura, dotar a 87.400 alumnos con portátil e ter 4.400 aulas informatizadas en 1.085 centros

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio entre o Ministerio e a Consellería de Educación por valor de 8 millóns de euros para a compra de ordenadores para alumnos e profesores, “o primeiro instrumento” deste proxecto. Trátase dunha iniciativa “ambiciosa” pero necesaria para “non perder o tren en Galicia do que se refire a portátiles, taboleiros dixitais, informatización e facilitación aos alumnos e profesores das novas tecnoloxías”, sinala o presidente da Xunta. O presidente galego anunciou que a Xunta porá en marcha un proxecto pioneiro ao contratar a 50 expertos para que asesoren a outras tantas pemes en materia de I+D+i. O obxectivo é dar un salto completo cara aos centros educativos dixitais, cuxas aulas estean “dotadas dixitalmente”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha do proxecto Abalar, unha iniciativa para esta lexislatura que ten como principal finalidade implementar as tecnoloxías da información e da comunicación en todos os centros educativos galegos, integrando plenamente as novas tecnoloxías na práctica educativa cotiá. Trátase dunha actuación que, segundo resaltou Feijóo, pretende estender as súas actuacións ao longo dos próximos catro anos, ata lograr o obxectivo de “87.400 alumnos con portátil, 4.400 aulas informatizadas e chegar a 1.085 centros informatizados con capacidades de ordenadores, con taboleiros dixitais e, por suposto, con ordenadores portátiles para os profesores e para os alumnos”, explicou.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario autonómico recoñeceu que Abalar é un proxecto “ambicioso” pero “necesario para non perder o tren en Galicia do que se refire a portátiles, taboleiros dixitais, informatización e facilitación aos alumnos e profesores” das novas tecnoloxías.

Núñez Feijóo indicou, a este respecto, que o Goberno galego autorizou, na súa reunión de hoxe, “un dos instrumentos deste proxecto Abalar”. Trátase, concretamente, dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por importe de 8 millóns de euros para a aplicación da iniciativa Escuela 2.0. Unha dotación orzamentaria para o curso 2009-2010 coa que, segundo o presidente galego, “dotaremos de ordenadores a 14.000 alumnos e de ordenadores portátiles a 2.500 profesores. É dicir, imos informatizar tanto as capacidades docentes dos profesores coma as capacidades dos alumnos e iso beneficiará a máis de 700 aulas no curso 2009-2010”, incidiu.

O mandatario autonómico considerou esta iniciativa como “unha estratexia moi interesante” xa que, nos vindeiros anos, “o portátil será algo elemental como o libro o foi durante as últimas décadas no ensino en España”.

“Pero imos proseguir”, engadiu Feióo, resaltando que “este é só o primeiro instrumento do proxecto Abalar” pero que o compromiso da Xunta é dar o salto completo cara ao centro dixital, “para converter as aulas realmente en aulas de educación dixitalmente dotadas, con ordenadores portátiles, con taboleiros dotados. En definitiva, coas ferramentas do século XXI”, enfatizou.

“Innovando dentro da innovación”
Feijóo anunciou que a Xunta investirá 5 millóns de euros para contratar a 50 profesionais destinados a outras tantas pemes co único obxectivo de “afondar na innovación, no desenvolvemento e na investigación”, sinalou. Trátase dun programa novo en España co que a Administración galega está “innovando dentro da innovación” e co que o presidente dixo estar “satisfeito” por este compromiso coa I+D+i.

“Acabamos de aprobar un orzamento austero onde non se recortan os investimentos en I+D+i, e acabamos de presentar un programa, que onte presentou o conselleiro de Economía e Industria, onde por primeira vez imos axudar ás empresas non só con diñeiro concreto para proxectos de investigación, senón con persoas formadas para que dentro de cada empresa se incremente o investimento en innovación e, sobre todo, a súa facturación por ser unha empresa que investiga, innova e desenvolve tecnoloxía”, precisou.