Feijóo avanza as reformas normativas que a Xunta porá en marcha para fortalecer o sector das telecomunicacións, ao que considera “posible acelerador para saír da crise e iniciar a segunda modernización de Galicia”

Luns 16 de Novembro de 2009

Feijóo avanza as reformas normativas que a Xunta porá en marcha para fortalecer o sector das telecomunicacións, ao que considera “posible acelerador para saír da crise e iniciar a segunda modernización de Galicia”

Salienta entre estas reformas a Lei de publicidade institucional para “regular e facer transparentes” os investimentos publicitarios das administracións; a Lei de comunicación audiovisual para adaptar o marco normativo galego ás modificacións das normas estatal e europea; e a reforma da Lei de creación da CRTVG para garantir o protagonismo do Parlamento no nomeamento do director xeral. Remarca a urxencia de “robustecer” as telecomunicacións como unha vía para acadar novas oportunidades “nacionais e internacionais”, e lograr a cohesión interna “dunha Galicia global”. Adianta que Galicia presentará a súa candidatura como sede da Axencia Estatal de Radiocomunicación, “porque desde o Goberno queremos que Galicia figure no mapamundi das telecomunicacións”. Avanza o obxectivo de realizar o apagamento analóxico nas provincias da Coruña e Ourense na primeira quincena do vindeiro xaneiro, e en Lugo e Pontevedra nas primeiras semanas de abril. Destaca os catro eixos de actuación do Goberno en materia das TIC: a Estratexia global de telecomunicacións cun investimento de 260 millóns, a iniciativa e-Goberno, a posta en marcha de medidas de dinamización do uso das novas tecnoloxías nas pequenas empresas e autónomos, e a aprobación dun Plan integral para a promoción das empresas da Sociedade da Información de Galicia.

“Debemos pensar nas telecomunicacións como posible catalizador para reconverter o sistema produtivo galego, saír vigorosos da crise e iniciar a segunda modernización de Galicia”. Son palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión do Pleno do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, que presidiu esta mañá en Compostela, e no que avanzou as reformas normativas que a Xunta porá en marcha para fortalecer o sector das telecomunicacións e do audiovisual en Galicia.

O titular da Xunta remarcou a “urxencia de robustecer as telecomunicacións en Galicia”, e salientou que se trata dun instrumento “para acadar novas oportunidades a nivel nacional e internacional”, pero tamén para lograr a cohesión interna “imprescindible para construír a Galicia global”. Así, Núñez Feijóo destacou o triplo beneficio que ofrece a tecnoloxía: ao consumidor, xa que fai os servizos máis eficientes; o fomento da solidariedade, ao garantir o acceso universal á información e ao coñecemento; e a mellora da competitividade das empresas.


A desigualdade no acceso á Sociedade de Información en Galicia
O mandatario galego destacou o sector das tecnoloxías da información e a comunicación como unha “industria emerxente” na Comunidade, e salientou que o emprego neste eido acadou nos últimos 4 anos un incremento do 47% en Galicia; que a Comunidade conta actualmente con máis de 1.500 empresas neste ámbito que contribúen a algo máis do 2% do PIB; que en 2008 máis do 67% das medianas empresas con conexión a internet fixeron xestións coa Administración a través da rede; que a porcentaxe de fogares que fixeron algunha compra por internet multiplicáronse por tres entre 2002 e 2007; e que máis do 90% das empresas están conectadas a internet. “Neste escenario, non debemos desprezar a capacidade do sector para xerar produtividade noutros sectores da economía: ao contrario, debemos ter en conta o seu efecto multiplicador”, engadiu Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta sinalou que, a pesar dos avances das últimas décadas, “Galicia segue caracterizada pola desigualdade no acceso á Sociedade da Información”. Así, destacou que só un 38% dos fogares galegos teñen acceso a banda larga -13 puntos menos que a media de España-; que o 40% dos concellos de menor tamaño non teñen acceso a banda larga; que pouco máis da metade da poboación galega non utilizou o ordenador nos últimos 3 meses; ademais do baixo nivel de equipamento tecnolóxico e presenza na rede das empresas pequenas, de menos de 10 empregados, xa que só o 57% posúe ordenador e o 46,7% dispón de conexión a internet.

“Estar no lado menos afortunado da fenda dixital significa ter menos oportunidades para formar parte dunha nova economía, para estar preparados de cara a afrontar o futuro coas mellores garantías”, engadiu.

Novas estratexias en radio e televisión
O presidente da Xunta avogou, neste escenario, por un “cambio de rumbo” para superar os condicionamentos xeográficos e socioeconómicos “que frearon a nosa inmersión na Sociedade da Información”. Neste sentido, Feijóo presentou os obxectivos do seu Goberno en materia de radio e televisión e adiantou que Galicia presentará a súa candidatura para ser sede da Axencia Estatal de Radiocomunicación. “Galicia xa é un referente tecnolóxico en España, en Europa e en todo o mundo, a través das empresas fabricantes de equipos de TDT. Pero desde o Goberno galego queremos que Galicia figure no mapamundi das telecomunicacións”, explicou.

No tocante á televisión, Feijóo asegurou que estamos ante un “reto único na historia”, a renovación desta tecnoloxía que suporá o apagamento analóxico do vindeiro 3 de abril. Neste sentido, o titular da Xunta incidiu en que “a falta de planificación e traballo do anterior goberno impediu cumprir o apagamento da primeira fase e provocou tamén o retraso na segunda”, e avanzou que o seu Goberno ten como obxectivo proceder ao apagamento analóxico nas provincias da Coruña e Ourense na primeira quincena de xaneiro, e en Lugo e Pontevedra nas primeiras semanas de abril.

O mandatario galego requiriu un “esforzo especial de colaboración co sector” para afrontar os retos da televisión local ante a actual reformulación dos mercados, e adiantou que, no caso da Televisión de Galicia, o Goberno estuda “solucións para que se poida estender este servizo ás rexións fronteirizas galego falantes en Asturias, na comarca do Bierzo e tamén na Alta Sanabria”.

Núñez Feijóo avanzou, en canto ás reformas normativas previstas, a posta en marcha dunha Lei de publicidade institucional para regular “e facer transparentes” os investimentos publicitarios das administracións públicas; dunha Lei de comunicación audiovisual, incorporando a reforma das competencias autonómicas afectadas pola Directiva europea de servizos audiovisuais e pola futura Lei xeral do audiovisual do Estado; e a reforma da Lei de creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia, “para dar carácter normativo ao protagonismo do Parlamento de Galicia no nomeamento no director xeral”.

No sector audiovisual, o presidente galego adiantou que cumprirá a promesa de unificalo nun só marco administrativo, e sinalou que as liñas básicas de traballo serán o diálogo e o acordo.

En canto á radio, o presidente da Xunta salientou que o último Plano técnico nacional reservou para Galicia frecuencias suficientes para conseguir un verdadeiro desenvolvemento e regularización do dial, “e que serán convocadas mediante concurso público para a súa adxudicación mediante concesión administrativa da Xunta de Galicia”.

Catro eixos de actuación nas TIC
Alberto Núñez Feijóo referiuse, no transcurso da súa intervención, aos catro eixos en materia de TIC nos que traballa a Xunta de Galicia. Así, o presidente galego asegurou, en primeiro lugar, que a configuración dunha Estratexia global de telecomunicacións para Galicia suporá nesta Lexislatura un investimento por riba dos 260 millóns de euros, que inclúe o Plan director de banda larga, o despregamento da TDT, a modernización das redes de telecomunicacións da Xunta, e a mellora das redes de alta capacidade para a comunidade científica.

O presidente galego destacou o lanzamento da iniciativa e-Goberno (Administración electrónica), “como o marco estratéxico común para todo o Goberno, baixo o que se posibilite a posta en marcha de importantes proxectos de modernización dos servizos públicos” e na que colaboran os concellos e as deputacións; ademais da posta en marcha de actuacións integrais de dinamización do uso das novas tecnoloxías, especialmente nas pequenas empresas e autónomos.

Por último, Núñez Feijóo avanzou que o Goberno galego establecerá políticas que potencien o sector empresarial das Tecnoloxías da Información de Galicia, “e que o sitúen nunha posición de referencia”, medidas que se concretarán nun Plan integral de impulso ao sector empresarial da Sociedade da Información e en medidas de apoio á produción de contidos e servizos innovadores.

Intervencións dos secretarios de Medios, de Modernización e do conselleiro de Cultura
O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, a de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, así como o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, interviñeron no Pleno como vicepresidentes I, II, e III, respectivamente.

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, centrou a súa intervención na implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e no efecto que terá no sector audiovisual da Comunidade Autónoma a próxima aprobación da nova Lei xeral de comunicación audiovisual. No tocante á TDT, o secretario de Medios salientou o intenso traballo do Goberno galego para cumprir “o exame” do vindeiro 3 de abril, a data prevista para o apagamento analóxico. Así, Cabaleiro subliñou o compromiso do Goberno galego, “como non poder ser doutra maneira”, para que todos cidadáns poidan recibir o servizo da TDT tanto por vía terrestre tanto como, no caso das zonas de orografía máis inaccesible, por satélite. “O meu apoio persoal para que este sexa o organismo activo e eficaz que todos desexamos”, concluíu o secretario xeral a súa intervención ante o Pleno.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica resaltou, pola súa banda, as medidas concretas que a Xunta desenvolverá dentro dos principais eixes en actuación en materia das TIC. Así, sinalou que o Plan director de banda larga estará rematado o vindeiro mes de xaneiro, para comezar a súa execución en 2010, e que a iniciativa e-Goberno fará un especial fincapé nos sectores que acumulan un maior retraso tecnolóxico, os eidos da Xustiza e a Educación. Mar Pereira salientou, dentro das medidas de dinamización do uso das TIC, a creación da nova Rede galega de centros (Telecentros) de servizos á Sociedade da Información, e a posta en marcha dun Centro demostrador de software para pemes. Por último, a secretaria xeral destacou, no impulso ao sector TIC, a configuración do novo Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo pechou, en calidade de vicepresidente III do Pleno, a quenda de intervencións. Roberto Varela expresou o seu “apoio incondicional” ao audiovisual galego e referiuse ao seu papel no vindeiro ano Xacobeo. “2010 é, outrora, un ano fundamental para comunicar a Galicia, para falar e que falen de nós”, asegurou. O titular de Cultura e Turismo afirmou que o compromiso do Goberno galego con estes sectores se basean na crenza de que as nosas industriais culturais e, concretamente, o noso audiovisual “teñen unha posibilidades que nos permiten albiscar unha industria audiovisual galega competitiva da que todos nos sintamos orgullosos”.

Funcións e composición do Consello Asesor 
O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual, máximo órgano asesor da Xunta de Galicia en materia de Telecomunicacións e Audiovisual, ten entre as súas funcións as de propoñer medidas no ámbito das telecomunicacións e do audiovisual, emitir informes sobre as liñas estratéxicas, proxectos e demais temas relacionados co sector, así como funcións de arbitraxe na resolución de conflitos que se lle sometan.

Este Consello, adscrito, sen perxuizo da súa independencia funcional, á Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, pode funcionar en Pleno (polo menos unha convocatoria ao ano), en Comisión Permanente (dous veces ao ano) ou en comisións sectoriais, que se crean no seno da comisión permanente como órganos de traballo especializados.

O Pleno que se reuniu hoxe está formado por 95 membros, representantes de todos os sectores, entidades e asociacións relacionadas co mundo das telecomunicacións e audiovisual de Galicia (Administración autonómica e local, universidades, sindicatos, operadores de servizos, medios de comunicación ou persoeiros de recoñecido prestixio).

Na xuntanza que se celebrou esta mañá no Hostal dos Reis Católicos se renovaron os membros do Pleno, que foron designados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por proposta de cada un dos 14 sectores representados, ademais dos 17 vogais membros da Comisión Permanente, elixidos por votación entre os membros do Pleno.