Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Feijóo anuncia que a Xunta e o Clúster TIC traballarán conxuntamente para definir un modelo de financiamento co que impulsar o potencial deste sector en Galicia

Avanza que esta nova política de financiamento TIC “estará aplicable no ano 2012 e responderá de xeito máis efectivo ás necesidades que agora e nos vindeiros anos ten e terá este sector”

Apunta que o obxectivo é chegar a mobilizar “máis de 200 millóns de euros para empregalos no desenvolvemento de proxectos de alto impacto na nosa comunidade”

Precisa que o Centro Demostrador, “escaparate tecnolóxico” do sector TIC galego, conta a día de hoxe con 52 empresas e un instituto tecnolóxico interesados en mostrar preto de 200 produtos e 27 servizos TIC

Subliña que a “acción de Goberno” pasa por desenvolver un programa de apoio ao sector TIC “con actuacións concretas, con obxectivos concretos e con responsabilidades concretas”, creando unha “estratexia única” que una instrumentos e esforzos para convertelo nun referente dentro e fóra da nosa comunidade

Adianta que neste mesmo ano 2011 se porá en marcha a Factoría de Emprendedores TIC de Galicia para “multiplicar de forma considerable o número de empresas de base tecnolóxica que nacen e se manteñen dentro da nosa comunidade”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta asinará un convenio de colaboración co Clúster TIC para definir conxuntamente “o modelo de financiamento que máis partido saque do potencial que ten este sector na comunidade autónoma”. Feijóo avanzou que esta nova política de financiamento TIC “estará aplicable no ano 2012 e responderá de xeito máis efectivo ás necesidades que agora e nos vindeiros anos ten e terá este sector.

Feijóo sinalou que o obxectivo é chegar a mobilizar “máis de 200 millóns de euros para empregalos no desenvolvemento de proxectos de alto impacto na nosa comunidade”. Para tal fin, creouse o novo fondo de capital risco, lembrou, “cun orzamento de 20 millóns de euros para investir en iniciativas de base tecnolóxica”.

O presidente da Xunta interveu hoxe no acto de presentación do Centro Demostrador TIC de Galicia, unha iniciativa para unir a demanda empresarial á oferta tecnolóxica. Feijóo explicou que se trata dunha ferramenta que servirá de “escaparate tecnolóxico” do sector TIC galego e axudará a consolidar unha imaxe de marca propia que favorecerá o seu posicionamento no mercado e a súa internacionalización.

Segundo adiantou, o Centro Demostrador conta a día de hoxe con 52 empresas e un instituto tecnolóxico interesados en mostrar preto de 200 produtos e 27 servizos TIC, e xa están programadas demostracións para os sectores da loxística e do naval.

Compromiso co desenvolvemento do sector TIC galego: unha acción de Goberno
O presidente galego precisou que o sector TIC en Galicia emprega a preto de 16.000 traballadores e que en 2009 o seu volume de negocio superou os 2.000 millóns de euros, o que sitúa Galicia como a sétima comunidade autónoma con maior número de empresas TIC.

Por iso, Feijóo subliñou que a “acción de Goberno” pasa por desenvolver un “programa de apoio ao sector con actuacións concretas, con obxectivos concretos e con responsabilidades concretas”, dixo, creando unha “estratexia única” que una instrumentos e esforzos para converter o sector TIC de Galicia en referente.

Unha acción de Goberno que, en palabras de Feijóo, “dará resposta ao compromiso de converter a tecnoloxía nun dos motores económicos de Galicia”.

Factoría de Emprendedores TIC de Galicia
Con este obxectivo, adiantou que neste mesmo ano 2011 se porá en marcha a Factoría de Emprendedores TIC de Galicia, para apoiar a creación de empresas a partir do potencial e das capacidades tecnolóxicas dos grupos de investigación e dos emprendedores.

Trátase dun proxecto, explicou, que persegue “multiplicar de forma considerable o número de empresas de base tecnolóxica que nacen e se manteñen dentro da nosa comunidade”, e facilitar o camiño ao emprendedor, apoiándoo e asesorándoo permanentemente. “Queremos apoialos, poñer en valor o seu coñecemento e levar todas as ideas viables ao mercado para convertelas en riqueza”, apostilou Feijóo.

Facer do acceso ás tecnoloxías un servizo básico como a luz ou a telefonía
Feijóo lembrou que no marco da Axenda Dixital 2014.gal, os 900 millóns de euros achegados pola Xunta xerarán un investimento total de 1.600 millóns de euros. Ademais, salientou que a aposta do seu Goberno polo sector TIC se concreta neste 2011 en case 400 millóns de euros de investimento. Feijóo puxo de relevo que a Xunta xa ten reducido nun terzo a poboación que non podía acceder a internet e que mobilizará máis de 35 millóns de euros para a extensión da banda larga a 11.000 núcleos do rural, ata garantir o acceso á rede a, cando menos, o 94 por cento dos galegos.

“Estamos no camiño de facer accesible as tecnoloxías que é un servizo básico, neste momento, comparable ao servizo da luz ou ao servizo da telefonía”, resaltou Feijóo, para anunciar que a Xunta porá en marcha unha nova axuda para subvencionar a contratación de internet a máis de 8.000 familias galegas que por problemas de renda non teñen ese contrato de internet. “8.000 familias galegas que no acto actual, 2011 e no próximo 2012, terán unha axuda directa da Xunta de Galicia para conectarse a internet e, polo tanto, para utilizar e coñecer esta ferramenta.

Así mesmo, no eido educativo, destacou que a tecnoloxía dixital chegará o vindeiro curso a 1.500 aulas, 31.500 alumnos e 340 centros educativos e, no eido sanitario, destacou que “estamos co 100% da historia clínica dixitalizada e co 98% da receita electrónica funcionando. “Pero temos que dar un paso máis”, aseverou Feijóo referíndose á necesidade de conectar a sanidade cos servizos sociais co obxectivo de crear e impulsar o “fogar dixital asistencial”. Ademais avanzou o obxectivo de captar fondos europeos para poñer en marcha iniciativas innovadoras e competitivas e por iso, dixo, “temos que crear e fabricar esas iniciativas que nos permitan facernos acredores de fondos europeos”.

Tecnoloxía e formación
Na súa intervención, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, considerou que o Centro Demostrador TIC vén constituír o “complemento perfecto” para as actividades formativas e técnicas, dirixidas aos profesionais do sector TIC galego, que xa se veñen desenvolvendo no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) –dependente deste departamento autonómico-, onde se emprazan estas novas instalacións.

De feito, no CNTG impartíronse no curso 2010/2011 máis de 50 cursos de formación –sen incluír xornadas e seminarios técnicos-, nos que participaron 775 profesionais do sector. Ademais, uns 275 alumnos destas actividades formativas conseguiron superar diferentes probas de certificación, que supoñen a acreditación a nivel mundial do coñecemento e dominio dunha determinada versión dun produto, ferramenta ou metodoloxía.

En definitiva, Mato concluíu que “este Centro Demostrador é unha oportunidade sen precedentes para Galicia, para as súas empresas, emprendedores, investigadores, profesionais e, por suposto, para os seus traballadores”.

CDTIC, punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica
Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, incidiu no funcionamento do Centro Demostrado TIC, e recalcou que o seu obxectivo é facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para acercar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. “O Centro será un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego”, sinalou.

Deste xeito as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutras áreas como a automoción, a construción o naval, a enerxía, o téxtil …, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

Servizos
Entre outras ferramentas e servizos, o Centro Demostrador porá a disposición das empresas interesadas o Mapa de Solucións Tecnolóxicas de Galicia MapaTIC.gal, un directorio en liña completo e categorizado cos provedores, produtos e servizos TIC existentes na Comunidade.

Ademais, para contribuír ao aliñamento da oferta de produtos e servizos TIC e a demanda tecnolóxica doutros sectores empresariais, o Centro organizará xornadas e demostracións de produtos TIC aos diferentes sectores produtivos, ademais de realizar actuacións de divulgación e promoción do Mapa TIC de Galicia. As actividades do Centro están orientadas a facer máis competitivos os sectores estratéxicos de Galicia mediante as incorporacións das TIC aos seus modelos de negocio.

O Centro, recordou Mar Pereira, é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, conta cun investimento máximo conxunto de 2.720.875,71 euros ata decembro de 2013, dos que máis de 2 millóns foron achegados por red.es, grazas á contribución do Programa Operativo de I+D+i por e para o beneficio das Empresas, fondo tecnolóxico 2007-2013 de FEDER, e 600.000 euros pola Xunta.