Entrega dos premios Eganet 2009

Xoves 17 de Decembro de 2009

Entrega dos premios Eganet 2009

Eganet promociona con estes premios os proxectos realizados por empresas galegas no campo das TIC.

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (Eganet) convocou onte, por sexto ano consecutivo, os Premios Eganet, co obxecto de recoñecer o labor de profesionais e empresas galegas que traballan con tesón no desenvolvemento do sector TIC en Galicia.

Con esta iniciativa Eganet quere promover e servir de plataforma de lanzamento para os proxectos realizados de xeito íntegro por empresas galegas no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, dando a coñecer a todos os sectores da sociedade galega os resultados das empresas de Galicia neste ámbito.

Eganet, a asociación de empresas galegas que desenvolven software e/ou servizos TIC, creouse no ano 2000 co obxectivo de aglutinar as empresas que representan o corazón das TIC e que abranguen as cinco principais áreas de negocio: Internet e medios online; Comunicación interactiva e novos medios; Consultoría e asesoramento TIC; Conectividade e integración de sistemas; e Desenvolvemento de software. Eganet basea o seu labor na defensa do libre mercado, presta servizos ás empresas asociadas e traballa para conseguir a adaptación da cidadanía ao uso das novas tecnoloxías como ferramentas de mellora ante a competitividade, tanto nos sectores empresariais como no desenvolvemento individual.

No acto de entrega dos galardóns, celebrado onte no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, na categoría Publicidade Online recibiu o galardón La Nuestra Comunicación Publicitaria, empresa con sede en Oleiros, pola campaña de prevención de riscos laborais "Movemento contra a Lei de Murphy". A mellor Aplicación Online foi para o dicionario Digalego, posto en marcha pola editorial viguesa Ir Indo.

En Comercio Electrónico resultou premiada a web Planetapluton.com, posta en marcha por Buenas Ideas en Acción, pola súa especialización en produtos non dispoñíbles noutros comercios. A iniciativa a prol do Software Libre foi para a Oficina da USC dedicada a ese tema. O premio Comunicación Web recaeu en Fausto Deseño Asociados, por "Universo Galimatías".

Continental, e o seu videoxogo Evento Ligado á Extinción, mereceu o premio Cultura Dixital, mentres o de Mellor Ambiente Laboral foi para Imaxín Software, de Santiago de Compostela. O galardón Tecnoloxía Accesíble levouno NEO, con sede na Coruña, polo seu videotradutor virtual Bildo, a Comunicación Universal.

O premio e-Emprendedores foi para Teimas Desenvolvemento, que está a desenvolver a plataforma de xestión Teixo para as empresas implicadas na xestión de residuos.

Ademais, as empresas asociadas a Eganet decidiron outorgarlle o Premio Especial 2009 a Vindeira, plataforma tecnolóxica creada no ano 2006 como un punto de encontro e diálogo de todos os axentes relacionados co sector TIC. O seu obxectivo é o de fomentar e producir sinerxías entre os axentes galegos interesados nas tecnoloxías da información e das comunicacións, para participar na planificación da investigación e o desenvolvemento na industria TIC de Galicia e situala como líder en sectores estratéxicos.

Na entrega dos premios, en representación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, un dos patrocinadores do acto, o subdirector xeral de Infraestruturas e de Telecomunicacións, Adrián Lence Paz, entregou o galardón na categoría de Software Libre.