Educación apoia quince proxectos de innovación educativa baseados nas novas tecnoloxías da información e a comunicación

Luns 15 de Xuño de 2009

Educación apoia quince proxectos de innovación educativa baseados nas novas tecnoloxías da información e a comunicación

A Consellería concedeu axudas por máis de 56.000 euros aos Proxectos 2.0 que traballen no impulso dun cambio metodolóxico no ensino, adaptado á Sociedade da Información

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria de axudas a proxectos de investigación, dinamización e innovación educativa das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC’s), coas que impulsará o desenvolvemento de Proxectos 2.0 en centros educativos de Galicia durante o curso 2009/2010.

Quince iniciativas de distintos institutos e colexios galegos recibirán axudas por un valor total de máis de 56.000 euros. Ademais do apoio económico, dotarase aos centro de asesoramento para o profesorado, a través dos Centros de Formación e Recursos, de tal forma que poidan tirar o maior aproveitamento dos recursos informáticos e da súa incorporación á docencia.

Os docentes implicados no proxecto poderán acceder ao espazo web da REDE TIC (http://centros.edu.xunta.es/contidos/redetic), difundir as súas experiencias e publicar os materiais educativos producidos no portal de contidos educativos (http://www.edu.xunta.es/contidos/), así como na revista dixital electrónica ‘BOLETIC’. As iniciativas premiadas poderán, así mesmo, participar en programas piloto de innovación grazas ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e outras entidades. A participación dos docentes implicados no proxecto recoñeceráse unha certificación por 20 horas de formación do profesorado.

Coa concesión destas axudas, Educación atende á demanda crecente de proxectos e contidos de calidade que se establezan como referentes formativos de capacitación tecnolóxica no eido pedagóxico. Nesta liña, a Consellería desenvolve accións nos centros que potencian os proxectos de innovación educativa baseados no uso das TIC, optimizando o uso destas ferramentas nos contidos académicos. O obxectivo final é conseguir un cambio metodolóxico no ensino, en consonancia coa Sociedade da Información.

Criterios de valoración
Para conceder as axudas, valorouse a innovación metodolóxica dos proxectos e representatividade de cara a autoformación na comunidade educativa, e a súa coherencia coa realidade dos centros.

Pola súa banda, os centros que concorreron á convocatoria tiveron que presentar un programa detallado de contidos e actividades, que incluía un calendario, coas competencias básicas a traballar, a metodoloxía e procedementos a seguir, e a organización de recursos humanos e materiais. Así mesmo, estableceron criterios e procesos para a avaliación da repercusión do proxecto na práctica educativa, prestando atención á aplicación no día a día da ensinanza, á consecución dos obxectivos establecidos e, en definitiva, aos logros e incidencias no seu desenvolvemento, e ás propostas de mellora e continuidade.

Como medida de garantía de funcionamento, o centro deberá nomear unha persoa dinamizadora do proxecto, que elaborará unha breve memoria de seguimento por trimestre das accións desenvolvidas nese período de tempo, e que exporá en reunións con coordinadores das demais iniciativas, co fin de propoñer liñas de actuación conxuntas.

Ao remate do curso escolar, cada centro deberá enviar tamén unha memoria final, na que observará o grao de cumprimento dos obxectivos propostos, as actividades desenvolvidas, o grao de implicación da comunidade educativa, as actividades de formación, a produción de materiais, a avaliación realizada e as previsións de futuro.