Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Economía e Industria pon en marcha en Santiago a xira de Big Ciencia para achegar a innovación a centos de cidadáns de toda Galicia

O conselleiro asistiu á sesión inaugural desta actividade de divulgación científica promovida pola Axencia Galega de Innovación (Gain) coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt)

Numerosos composteláns puxeron a proba os seus coñecementos no concurso que converteu o Reitorado nun gran taboleiro de xogo

Tras estrearse hoxe na capital galega, a iniciativa visitará en vindeiros días A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asistiu esta tarde á sesión inaugural de Big Ciencia, un novidoso concurso popular que ao longo deste mes converterá as fachadas de edificios emblemáticos de cinco cidades galegas en xigantescos taboleiros de xogo. Esta iniciativa de divulgación científica congregou hoxe a numerosos composteláns e turistas na Praza do Obradoiro, diante da fachada do Reitorado da Universidade de Santiago, para poñer a proba os seus coñecementos científicos.

O espectacular e innovador formato desta actividade atraeu a atención de numerosos cidadáns, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, o que xerou grande expectación no punto máis céntrico da cidade.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Axencia Galega de Innovación (Gain) coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), é sacar a innovación dos laboratorios e dos despachos por unhas horas para que os galegos e galegas convivan con ela dun xeito ameno e divertido. Tras estrearse hoxe en Santiago, a xira de Big Ciencia continuará o día 13 na Coruña, o 14 en Lugo e o 20 en Ourense, rematando o 21 en Vigo.

Cinco preguntas por nivel
Cunha mecánica moi sinxela, e apta por tanto para toda a familia, o concurso de preguntas científicas botou a andar cando os dous primeiros contrincantes se situaron diante dos pulsadores e da gran pantalla na que se converteu a parede principal do Reitorado.

¿Quen inventou a pólvora?, ¿cal é a estrela máis próxima á Terra?, ¿quen inventou o futbolín? O máis rápido en apertar o pulsador era o primeiro que tiña a opción de contestar. Mediante preguntas tipo test, o reto para os que se atreveron a medir os seus coñecementos fronte a un rival era elixir a resposta correcta de entre catro posibles, podendo pedir axuda aos espectadores. Precisamente este comodín do público foi o que fomentou a participación de todos os espectadores do concurso, que enganchou aos viandantes desde un principio dada a súa axilidade.

Todas as partidas foron a cinco preguntas e, unha vez finalizado o xogo, o que máis respostas acertaba recibía un pin-distintivo para participar na seguinte fase, xa que o gañador final tivo que superar tres axustadas eliminatorias.

Taller práctico sobre a proxección arquitectónica 
Antes do concurso, os interesados na proxección arquitectónica de gran formato puideron achegarse á tecnoloxía que fai posible Big Ciencia participando nun taller práctico no Obradoiro, no que aprenderon a facer unha proxección audiovisual como a levada a cabo despois durante o xogo.

As preguntas e respostas do concurso foron proxectadas sobre a fachada do Reitorado grazas ao uso desta tecnoloxía, ata o momento reservada a actividades de carácter artístico, o que permitiu a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica innovador e de grande impacto visual. Ademais, os asistentes ao workshop que se achegaron cos seus ordenadores levaron gratis para as súas casas o software propio desta tecnoloxía, asociada a espectáculos como os fogos do Apóstolo.