Economía e Industria lanza os obradoiros “Tic Emprende” para apoiar o crecemento e consolidación de empresas tecnolóxicas

Martes 01 de Maio de 2012

Economía e Industria lanza os obradoiros “Tic Emprende” para apoiar o crecemento e consolidación de empresas tecnolóxicas

A través de BIC Galicia, a Consellería impulsa unha serie de obradoiros para axudar ás empresas TIC a mellorar a súa competitividade a través da procura de novos mercados

Esta iniciativa diríxese ás empresas TIC, fundamentalmente a pemes e micropemes en fase de consolidación

Durante o ano 2011 máis de 80 empresas dos sector das TIC participaron neste programa formativo

No marco do Programa TIC Emprende, a Consellería de Economía e Industria vai poñer en marcha, a partir do próximo 28 de maio e a través de BIC Galicia, unha nova serie de obradoiros prácticos que pretenden contribuír á implantación efectiva de procesos de mellora nas novas empresas tecnolóxicas galegas, a través do emprego de novas técnicas e ferramentas de xestión empresarial que conduzan a súa consolidación e a un incremento significativo da súa competitividade.

O obxectivo deste obradoiros é o de achegar novas tendencias e oportunidades de negocio para as empresas TIC que contribúan a orientar os seus procesos de innovación e a afianzar o seu posicionamento no mercado. Este programa formativo basease nunha metodoloxía de traballo asistida, interactiva e eminentemente práctica, mediante a que se analiza a casuística das empresas participantes, combinando aprendizaxe con acción. As sesións formativas son guiadas por un consultor-facilitador, especialista na implantación de novas técnicas de xestión e con ampla experiencia na temática.

Esta iniciativa diríxese ás empresas do sector TIC, fundamentalmente a pemes e micropemes en fase de consolidación, constituíndo o seu público obxectivo os empresarios, directivos, responsables de área, técnicos e profesionais de empresas TIC involucrados no desenvolvemento ou mellora da área temática sobre a que trate cada un dos obradoiros. Prevese a participación de máis de 50 pemes do sector nos diferentes obradoiros, que terán lugar en Santiago, A Coruña e Vigo.

Durante estes obradoiros abordaranse temas de especial relevancia para as empresas sector, como as oportunidades de negocio baseadas en software libre e ecosistemas open, as estratexias avanzadas na internacionalización de empresas TIC, o deseño rápido de novos modelos de negocio ou o Tic branding, a xestión de marcas neste sector. No ano 2011 participaron máis de 80 empresas nos diferentes obradoiros TIC, que tiveron unha excelente acollida por parte do sector.

Información e inscricións: http://ticemprende.bicgalicia.es E-mail: ticemprende@bicgalicia.es
Telf.: 981546813 - Fax: 981 546819