Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Economía e Industria informa no centro tecnolóxico Aimen dos apoios do Igape e Xesgalicia a empresas

Os directores xerais do Igape e Xesgalicia explicaron o marco de apoio existente para proxectos tecnolóxicos, innovadores e con potencial de internacionalización

Os representantes das empresas participantes no encontro, que destacan polo seu alto potencial de innovación e con expectativas de investimento ou expansión internacional, coñeceron as posibilidades de apoio dos novos fondos tecnolóxicos e dos programas de mellora da competitividade e internacionalización

A Consellería de Economía e Industria facilitou información detallada sobre as posibilidades de apoio público co que poden contar, para impulsar os seus proxectos, ás empresas asociadas arredor do Centro Tecnolóxico Aimen, que se distinguen polo seu alto potencial de investimento asociado á innovación e posibilidades de internacionalización. Ese foi o obxectivo do encontro no que participaron os directores do Igape, Javier Aguilera, e Xesgalicia, Juan Cividanes, e que se desenvolveu esta mañá nas instalacións de Aimen no Porriño.

Aguilera e Cividanes informaron a un grupo de empresarios vinculados a este centro tecnóloxico sobre as posibilidades de apoio que poden atopar en Xesgalicia, a través de diversos fondos de capital risco, especialmente dos tecnolóxicos, como i2C ou Xes-Innova; ou no Instituto galego de Promoción Económica, a través das liñas de apoio aos investimentos, a proxectos de mellora da competitividade ou a iniciativas de internacionalización.

Desde hai anos, o Centro Tecnolóxico Aimen vén destacando polos seus esforzos orientados a favorecer a capacidade competitiva das empresas. O fomento de actividades de I+D+i e a prestación de servizos tecnolóxicos de alto valor engadido son dúas das columnas nas que se basea a actividade do centro, que conta con máis de 500 empresas clientes. O centro tecnolóxico sirve a empresas asociadas de sectores tan variados como aeronáutica, alimentación, automoción, construción, enerxía e medio ambiente, metalmecánica, naval, TIC ou químico.

Aimen centra o seu labor no seguimento da evolución tecnolóxica dos mercados e na captación e desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes, así como en impulsar a incorporación destas novas tecnoloxías e procurar a innovación tecnolóxica das empresas galegas. Obxectivos que coinciden con algunhas das principais liñas estratéxicas de apoio ao tecido empresarial que impulsa a Consellería de Economía e Industria a través dos seus organismos de promoción económica e empresarial.