Economía e Industria aposta pola incorporación do pequeno comercio á rede cun novo portal de venda ‘on line’

Venres 06 de Abril de 2012

Economía e Industria aposta pola incorporación do pequeno comercio á rede cun novo portal de venda ‘on line’

Xa está dispoñible en internet a web comerciogalicia.es, coa que a Consellería impulsa a competitividade do sector cun escaparate conxunto para abrirse a novos mercados

Na páxina, xestionada pola Federación Galega de Comercio, ofrécense sistemas de envío e de pago unificados, permitindo mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica

Con esta iniciativa, á que se sumarán novos comercios nas próximas semanas, o departamento que dirixe Javier Guerra posibilita que os establecementos de proximidade incorporen novos clientes e ofrezan novos e mellores servizos

Alimentación, roupa, electrónica, ferretería ou deportes son algúns dos artigos que os usuarios poden adquirir con total garantía neste novo servizo

A aposta pola modernización e dinamización do comercio de proximidade é un dos eixos estratéxicos da actuación da Consellería, que ten en marcha o Plan Ágora, Agora Re-Comercia

O portal de comercio electrónico comerciogalicia.es, impulsado pola Consellería de Economía e Industria e xestionado pola Federación Galega de Comercio está dispoñible xa na rede, servindo de escaparate conxunto para a venda a través de internet para o pequeno comercio galego.

A posta en marcha deste portal, ao que nas vindeiras semanas se sumarán novos establecementos, enmárcase na aposta estratéxica do departamento que dirixe Javier Guerra pola dinamización e modernización do comercio de proximidade, incluída no Plan Ágora- Agora Re-Comercia, onde se plasma a estratexia comercial da Xunta.

Esta nova plataforma que acaba de botar a andar permite que os establecementos combinen a súa actividade comercial tradicional coa venda na rede, podendo abrirse a novos mercados, conseguir novos clientes e ofrecer novos e mellores servizos a todas as persoas que xa confían neles no día a día.

Cun deseño atractivo e sinxelo, o novo portal ofrece servizos de envío e de pago unificados, así como vantaxes como a venda por lotes. Ademais, os usuarios, que poden adquirir con total garantía artigos de alimentación, téxtil, deportes, electrónica, electrodomésticos ou decoración, poden mercar en distintos comercios cunha soa transacción económica.

Todos os comerciantes que se sumen á plataforma comerciogalicia.es, que foi presentada pola Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio nunha ducia de localidades nas últimas semanas, recibirán asesoramento e formación para poder xestionar eles mesmos este novo espazo para a venda, dispoñible 24 horas ao día e en todo o territorio nacional.

Portal do Comerciante

O impulso a esta plataforma electrónica súmase á posta en marcha do Portal do Comerciante, unha web pioneira coa que a Consellería de Economía e Industria impulsa a mellora competitiva do sector comercial en Galicia.

Esta ferramenta de información e formación pensada para o comercio de proximidade facilita a creación de novos negocios e a análise da viabilidade de proxectos novidosos, así como diversos servizos interactivos abertos á participación permanente de comerciantes e consumidores. Entre estes, destaca especialmente a posta en marcha dunha asesoría on line que permite realizar consultas rápidas a expertos da Dirección Xeral de Comercio. O portal constitúe unha ferramenta útil e accesible para o sector con contidos especializados para impulsar a modernización e o desenvolvemento do comercio galego.