Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Economía e Industria achega un millón de euros a proxectos innovadores relacionados co Xacobeo 2010

Mediante estas subvencións, fináncianse un total de 10 actuacións de empresas galegas relacionadas coas TIC e orientadas a produtos ou servizos de innovación tecnolóxica relacionados co Ano Santo.

A Consellería de Economía e Industria vén de resolver axudas por valor de un millón de euros para proxectos levados a cabo por empresas galegas co obxectivo de desenvolver produtos e servizos tecnoloxicamente innovadores en relación co Xacobeo 2010. En total, subvenciónanse dez accións recollidas na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG).

O financiamento achegado por Economía e Industria a través da Dirección Xeral de I+D+i céntrase nas iniciativas orientadas a darlle soporte aos turistas, peregrinos e público en xeral relacionado coa celebración do Ano Santo mediante as tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC). Os servizos de alto valor engadido como son as aplicacións baseadas en dispositivos móbiles para localización ou xeorreferenciación e as ferramentas baseadas na internet participativa ou web 2.0, tales como as redes sociais, son o eixe dalgúns dos proxectos aprobados. Outros dos aspectos especialmente valorados á hora de conceder as axudas foi a innovación tecnolóxica relacionada coa creación de contidos e plataformas virtuais especificamente vinculados á promoción do Xacobeo 2010 e á posta en valor do patrimonio artístico, histórico e cultural.

Asemade, contan con apoio económico os proxectos relacionados coas infraestruturas tecnolóxicas e ferramentas destinadas á creación, difusión ou mellora de servizos audiovisuais de interese para a promoción ou soporte das actividades do Xacobeo 2010; as actuacións que permitan mellorar as tecnoloxías de restauración, inventario e estudo dos elementos históricos, artísticos e culturais vinculados ao Ano Santo; e aqueles proxectos que, con base nas TIC, permitirán darlle pulo á innovación e á mellora da competitividade e da calidade da oferta turística relacionada co Xacobeo: a promoción dixital do sector, a mellora das relacións cos clientes, o incremento da oferta de servizos e a diferenciación, etc.

Innovación na tradición
O Goberno galego está a acumular esforzos para aproveitar a oportunidade que supón o Xacobeo 2010 para Galicia. Máis alá do fito relixioso e turístico, a Xunta contempla a celebración do Ano Santo como unha oportunidade para impulsar o desenvolvemento económico, facendo énfase na innovación tecnolóxica promovida polo tecido empresarial galego.

Por iso, desde a Consellería de Economía e Industria se puxo en marcha esta convocatoria extraordinaria de axudas, destinada a fomentar proxectos que, co Xacobeo como punto de partida, contribúan ao obxectivo a longo prazo de cimentar o crecemento socioeconómico de Galicia no desenvolvemento das súas capacidades científico-tecnolóxicas, en especial as promovidas polo tecido produtivo. Por este motivo, esta liña de axudas está enmarcada no Programa de Innovación Empresarial do Plan Galego de I+D+i.