Declaración institucional con motivo do día mundial de internet

Luns 17 de Maio de 2021

Declaración institucional con motivo do día mundial de internet

Co lema “Internet panca de Transformación Dixital e Resiliencia”, o Día Mundial de Internet destaca este ano a importancia deste recurso como espiña dorsal da transformación dixital e medio que garantiu de forma segura a continuidade das actividades administrativas, económicas e sociais nos últimos meses. 

Ao longo de 10 anos de estratexias dixitais en Galicia, a través de 2014.gal e Axenda Dixital de Galicia 2020, centradas en promover a conectividade e a dixitalización dos servizos e actividades, construíuse o camiño da transformación dixital de todas as áreas de desenvolvemento da Comunidade. 

Internet, xunto co nivel de madurez tecnolóxica acadado nos últimos anos, permitiu durante a pandemia que os máis novos aprenderan de forma remota e a miles de persoas traballar dende a casa, posibilitou que as empresas venderan os seus produtos, as fábricas seguiran funcionando e ao goberno continuar brindando servizos públicos cruciais.

A situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID demostrou as nosas fortalezas pero tamén resaltou as nosas debilidades, e expuxo novos desafíos. Traballar no desenvolvemento da resiliencia, como a capacidade de afrontar a adversidade e saír fortalecidos aprendendo do vivido, postúlase como a principal panca a mobilizar. Ante a conxuntura actual, a dobre transición verde e dixital adquire unha crecente relevancia cara ao futuro, ao igual que non deixar a ninguén atrás neste proceso.

Por iso, facer desta a década dixital é o gran desafío da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) que botou andar neste 2021 e que, aliñada coas prioridades no novo marco europeo, busca situar a Comunidade como unha rexión de referencia en Europa, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúe a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medio ambiental. 

A través de sete eixos estratéxicos, a EGD2030 potenciará solucións dixitais en resposta aos retos da nova década ao tempo que se promoverá a especialización tecnolóxica centrada en fortalecer as capacidades e infraestruturas dixitais da Comunidade nas tecnoloxías disruptivas (Intelixencia Artificial, ciberseguridade, intelixencia do dato e 5G) e en garantir o seu amplo uso na economía e a sociedade.

Con todo, se ben as tecnoloxías dixitais poden considerarse o motor dos cambios, as persoas son as protagonistas que deben inspirar e converterse en artífices da transformación. Para que iso sexa posible, entre as prioridades da EGD2030 atópase o impulso das competencias dixitais do conxunto da cidadanía, necesarias para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital.

Firmes ao compromiso de non deixar a ninguén atrás, o Goberno galego traballará para promover un novo paradigma de sociedade máis próspera e inclusiva na que todas as persoas estean mellor preparadas para adaptarse e coexistir coa continua evolución tecnolóxica tanto na súa faceta profesional como na persoal.