Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Cultura e Educación pon en marcha unha iniciativa pioneira para formar a alumnos e docentes de primaria no eido da programación informática, en colaboración co Colexio de Enxeñaría Informática

A iniciativa ‘Programación nas escolas’ ten como finalidade introducir aos escolares neste eido e ofrecerlles as ferramentas necesarias para comprender que son e como funcionan os ordenadores e os programas e aplicacións informáticas.

Tamén abrangue a profesores e pais para que saiban facer partícipes aos escolares das vantaxes da programación en aspectos como a creatividade ou a resolución de problemas.

O programa está dirixido ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar, e complementa a outros postos en marcha con esta entidade como o ‘Navega con Rumbo’.

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha da iniciativa “Programación nas Escolas”, , unha iniciativa pioneira que se enmarca no proxecto Abalar. No acto de sinatura tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira, e o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila.

Esta iniciativa ten como principal obxectivo ensinar aos escolares, dunha maneira proactiva e lúdica, a programar, introducíndoos ao pensamento computacional. Trátase de ofrecerlle aos alumnos e alumnas de primaria as ferramentas necesarias para comprender que son e como funcionan os ordenadores e os programas e aplicacións informáticas que rexen o día a día. Deste xeito, poderán entender moito mellor a realidade na que se moven ao tempo que se fomentan as súas capacidades creativas na medida en que poden crear as súas propias aplicacións interactivas como animacións, videoxogos ou simulacións, entre outros.

Así mesmo, a iniciativa tamén contempla a formación de profesores e de pais e nais, para que incorporen a programación a aspectos como a creatividade e a resolución de problemas. E dicir, facelos partícipes, a través da programación, da mellora das competencias en ciencias e tecnoloxía, así como das competencias comunicativas, artísticas e dixitais do seu alumnado.

A ‘Programación nas Escolas’ está dirixida ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar, e ven de complementar outros proxectos postos en marcha tamén en colaboración co Colexio de Informática como o ‘Navega con rumbo’.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia encargarase de levar a cabo unhas xornadas divulgativas que abranguen toda a comunidade educativa, é dicir, alumnos, profesores, e pais e nais. Segundo se establece no convenio, realizaranse un total de 10 xornadas entre outros tantos centros escolares seleccionados. Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Educación, ademais de coordinar as xornadas, a través do ‘espazoAbalar’ porá a disposición da comunidade educativa os contidos dixitais axeitados para reforzar dito programa.

Adquisición de competencias tecnolóxicas
Esta iniciativa enmárcase na aposta da Consellería de Cultura e Educación polo desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como un modo de mellora continua da calidade do sistema educativo galego. Cómpre salientar que a Consellería considera que a adquisición de competencias clave en matemáticas e en ciencia e tecnoloxía constitúen hoxe en día un dos obxectivos prioritarios dos novos currículos en todos os sistemas educativos europeos.

Nesta liña, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, ten en marcha unha serie de actuacións co obxecto de dotar aos centros públicos dos recursos necesarios para lograr un desenvolvemento virtual de aprendizaxe axeitado e de calidade. Trátase de promover que en todos os ámbitos do ensino se integren accións que permitan dotar á comunidade educativa de equipamento, infraestruturas, contidos, ferramentas dixitais e formación para unha axeitada aprendizaxe dixital.