Cores Tourís coñece o novo equipamento tecnolóxico da firma Vidriomoss da Estrada subvencionado por Economía e Industria

Martes 27 de Xaneiro de 2015

Cores Tourís coñece o novo equipamento tecnolóxico da firma Vidriomoss da Estrada subvencionado por Economía e Industria

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que esta nova liña de axudas beneficiou a 11 empresas na provincia de Pontevedra por un montante de 1,4 millóns de euros.

A empresa estradense investiu así 311.000 euros na compra dun taladro fresador con corte de auga.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde da Estrada, José López Campos, visitou esta mañá a empresa Vidriomoss, situada nesta localidade do Tabeirós, para coñecer o novo equipamento tecnolóxico da firma subvencionado a través da Consellería de Economía e Industria.

Nesta visita estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo xerente da firma, Cándido Mosteiro.

A firma estradense destinou así 311.000 euros a compra dun taladro con corte de auga dos cales 96.410 euros, é dicir, o 31%, foron aportados a través das axudas do Igape para proxectos de equipamento tecnolóxico das pemes no sector dos servizos.

“Estas axudas, a nivel provincial, supuxeron un investimento de case 4,4 millóns de euros dos cales máis de 1,4 millóns de euros foron aportados pola administración autonómica, beneficiándose un total de 11 empresas pontevedresas”, explicou Cores Tourís.

Vidriomoss fundouse en 1988 baixo a denominación de Cristalería Hermanos Fernández C.B. Na súa orixe dedicábase, nunhas instalacións de 50 metros cadrados, ao corte, manufactura e colocación del vidro.

Tal e como explicou o xerente da planta de A Estrada, Cándido Mosteiro, ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, “a incorporación de persoal, a súa especialización e compromiso, así como a adquisición de maquinaria sofisticada, son a base para a evolución e o crecemento desta empresa de carácter familiar e independente”.

Vidriomoss conta, na actualidade, con dous centros de produción en A Estrada con máis de 5.000 metros cadrados dedicados á transformación do vidro e 31 traballadores. “Nos últimos anos fixemos unha importante inversión en tecnoloxía de última xeración, e así, hoxe en día contamos con sete fornos de curvado por gravidade, un forno de temperado plano e curvo, unha liña automática de laminación, tres controles numéricos, unha liña de impresión serigráfica, ademais de maquinas auxiliares de corte, canteado e bisel”, engadiu Mosteiro.

Vidriomoss, especializouse na fabricación e subministro de vidro para os sectores naval, automoción, construción, mobiliario, biombos de baño e decoración, contando para elo coas homologacións necesarias.

Abarca todo o territorio nacional, sendo as rexións de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León as que actualmente demandan máis os seus fabricados. No eido internacional destacan Alemaña, Reino Unido, Portugal, Andorra, Bélxica, Francia e Italia, onde realizou importantes proxectos e onde mantén a súa presenza actualmente.

En definitiva, segundo explicou o xerente a José Manuel Cores Tourís, “o noso compromiso é a a excelencia en tódolos nosos procesos. Ese é o noso principal obxectivo para conseguir a plena satisfacción dos nosos clientes xunto co cumprimento das actuais normativas europeas”.

Outras liñas de axudas do Igape
O delegado territorial aproveitou a visita ao concello de A Estrada para recordar que, na actualidade, o Instituto Galego de Promoción Económica, mantén abertas varias ordes de axudas que “poden axudar ás pequenas e medianas empresas a modernizar os seus equipamentos produtivos, á posta en marcha de proxectos de novos emprendedores ou á contratación de xestores de internacionalización”.

En canto a orde de axudas para investimentos das pemes en equipamentos produtivos, recordou o delegado que o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 5 de febreiro e que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros. “O Igape poderá conceder subvencións aos investimentos que sexan superiores ou iguais a 150.000 euros e que supoñan un efecto incentivador para o proxecto presentado”, explicou Cores Tourís.

No caso das axudas para novos emprendedores, o prazo estará aberto ata o 2 de febreiro e a orde conta con 500.000 euros de orzamento. Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas que teñan localizados o seu centro de traballo en Galicia.

Tamén se mantén aberta a liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización ata o 3 de febreiro, cun orzamento de 574.000 euros e que teñen como obxectivo final facilitar ás empresas galegas a prospección e acceso a novos mercados poñendo ao seu alcance axudas para a contratación de profesionais especialistas en internacionalización empresarial, conseguindo, ao mesmo tempo, a especialización de cadros de persoal.

Finalmente, o delegado territorial destacou os préstamos Jeremie do Igape que teñen como finalidade promover o uso de instrumentos de enxeñería financeira para a mellora do acceso das PYMES ao financiamento a través das intervencións dos Fondos Estruturais. “O obxecto destas axudas é facilitar o acceso ao crédito de aqueles proxectos económicamente viables que atopan dificultades de acceso ao financiamento ou costes comparativamente maiores”, rematou José Manuel Cores Tourís.