Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Conecta Peme mobilizará na provincia de Ourense máis de 2 M€ en proxectos que impulsan a innovación e nos que participan 7 empresas

• O obxectivo deste programa é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia primando na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solución
• A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, indicou que as empresas beneficiadas na provincia participan en proxectos relacionados coa nanotecnoloxía, a enerxía e medio ambiente, a saúde ou as TIC
• Nesta edición as axudas contaron cun orzamento para toda Galicia que medrou un 8%, ata os 27M€ en axudas

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou esta mañá o investimento de máis dun millón de euros destinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, para seis proxectos nos que participan 7 empresas da provincia, dentro da cuarta edición do programa Conecta Peme, e que mobilizarán mais de 2 millóns de euros. A resolución destas axudas publicouse onte no DOG (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181112/AnuncioG0198-021118-0001_gl.html).

O obxectivo desta iniciativa é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico.

Segundo apuntou Díaz Mouteira, na actual convocatoria, mobilizaranse para toda Galicia, máis de 47M€ en 54 proxectos de innovación empresarial, no que o 93% das empresas beneficiadas son pemes.

Os seis proxectos denominados: Geo4Radón, Alfiller, Topacio, Wired.Bin, SATmotion e NeuroFood, nos que participan as empresas ourensás, xunto con outras da provincia da Coruña e Pontevedra, están vinculados ao desenvolvemento experimental.

Así, a empresa Extraco forma parte de tres proxectos Topacio, Geo4Radón e Alfiller que se dedican ás tecnoloxías de optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais; mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia dos sondeos na difusión do gas radón; e valorización do filler de recuperación de plantas asfálticas para o desenvolvemento de eco-produtos de base cemento.

A firma ourensá Formato Verde liderará a iniciativa Wired.Bin relacionada co aproveitamento e valorización de residuos centrada no desenvolvemento dun sistema de contenerización e análise predictivo de datos na nube, na que tamén colaborará a empresa Conexiona Telecom, que ademais participa noutras dúas iniciativas: Topacio e Geo4Radón.

Renga Enerxía forma parte dos proxectos Geo4Radón e Alfiller mentres que a empresa San2 Innovación Sostenible participará en Topacio.

Egatel liderará o proxecto SATmotion relacionado coas TIC e coas redes e sistemas móviles. Por último, a empresa Cuevas colaborará na iniciativa NeuroFood que se centrará no desenvolvemento de novos alimentos funcionais e complementos nutricionais orientados ao desenvolvemento neurocognitivo.

Segundo explicou a delegada territorial, Conecta Peme está dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns, e é unha iniciativa que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar pemes e centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos en toda Galicia.