Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Conde avoga polo talento e a formación na nova economía dixital para impulsar as oportunidades laborais en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as novas instalacións do Grupo Oesía na Coruña, unha empresa centrada no eido da enxeñaría e as TIC
Indicou a importancia de que o tecido empresarial galego faga da dixitalización e a innovación a súa misión corporativa, xa que significa apostar polo talento e polo emprego cualificado
A Xunta traballa para que as empresas atopen os perfís profesionais que demandan con programas como as Unidades Formativas ou Emprega Xuventude

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe na Coruña a nova sede do grupo Oesía na Coruña, unha empresa que, con máis de 500 traballadores, centra o seu labor no eido da enxeñaría e as TIC.

Conde destacou a importancia de empresas como Oesía que fan da dixitalización e a innovación a súa misión corporativa, salientando que o talento e a formación especializada son necesarios neste novo contexto dixital para impulsar as oportunidades laborais. Precisamente, no ámbito das TIC, apuntou que Galicia ten un posicionamento cada vez máis sólido, o que lle permite á Comunidade ter un elemento diferenciador.

O titular de Economía puxo en valor ás compañías que innovan, xa que, segundo resaltou, están apostando polo talento e polo emprego cualificado, lembrando proxectos de Oesía no ámbito da aeronáutica, en sistemas de data link para Holanda, de medicina dixital en Italia ou de certificación de dispositivos móbiles para América Latina.

A compañía conta na actualidade con oficinas en 14 puntos de España (ata o de agora tiña unha en Santiago e outra na Coruña) e está inmersa nun proceso de expansión a nivel internacional. De feito, a firma está presente en países como Perú, Colombia e Brasil e unha terceira parte dos seus ingresos proceden do mercado estranxeiro.

O conselleiro explicou que a Xunta traballa no ámbito da innovación e da formación para que as empresas atopen os perfís profesionais que demandan para que as persoas desempregadas teñan máis oportunidades para acceder a un posto de traballo. Neste senso, destacan programas da Xunta como as Unidades Formativas en empresas para que os desempregados poidan cualificarse coa posibilidade de obter un contrato de traballo ou Emprega Xuventude enfocado a empresas da Industria 4.0 e agroalimentarias para que formen e contraten a 500 menores de 30 anos.

En palabras de Conde, a formación incentiva a contratación conseguindo que este novo escenario dixital nas empresas sexa un terreo de oportunidades. Para o conselleiro, o talento tamén é importante nesta revolución porque “fixa e atrae nova industria”.

Para rematar, Conde felicitou aos traballadores que no acto recolleron os recoñecementos da empresa pola súa eficiencia na relación co cliente; polo seu talento; por achegar valor á compañía; pola súa iniciativa; e por exercer un bo liderado. Son, segundo Conde, cinco valores polos que debe apostar o tecido produtivo de Galicia.