Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Comeza a terceira edición de “Tecnólogo por un día”, que permitirá a 74 rapaces compartir unha xornada laboral con profesionais TIC

• A Amtega e unha ducia de empresas galegas do sector tecnolóxico comezan a recibir estes días as visitas de rapaces e rapazas de 12 a 17 anos
• A iniciativa consolídase, incrementando o número de solicitudes en cada edición ata chegara a máis de 380 nesta terceira convocatoria
• A Axencia autonómica está traballando na seguinte edición, na que prevé incrementar o número de prazas
• A implicación da comunidade educativa é fundamental e máis 50 docentes de preto de 40 centros educativos promoveron a actividade entre o seu alumnado e formalizaron as inscricións
• Tecnólogo por un día é unha das actuacións do catálogo de iniciativas DigiTalent para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos


Estes días comezan  as visitas aos 12 empresas do sector tecnolóxico que colaboran coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) na iniciativa “Tecnólogo por un día” para amosarlles aos máis novos as posibilidades das profesións dixitais. 
 
Nesta terceira edición do programa, 74 rapazas e rapaces compartirán unha xornada laboral con profesionais da TIC, En  total, sumando as tres edicións, 175 estudantes tiveron a oportunidade de ser tecnólogos por un día.
 
A iniciativa consolídase, incrementando o número de solicitudes en cada edición ata chegar a máis de 380 nesta terceira convocatoria. En total, máis de 700 alumnos e alumnas galegas interesáronse no programa. É por iso que xa se está a traballar para poder ofrecer novas prazas nunha cuarta edición antes de finais deste curso 2019/20.
 
Co obxectivo de continuar a mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas e a percepción que os máis novos teñen delas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) impulsa o programa Tecnólogo por un día.
 
Implicación clave dos centros educativos
Máis de 50 docentes de preto de 40 centros educativos localizados en máis de 20 concellos desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, realizando as máis de 380 solicitudes de inscrición a través do formulario dispoñible na web DigiTalent.
 
Unha vez pechado o período de inscricións, as prazas asignáronse aplicando o resultado dun sorteo considerando as opcións e preferencias do alumnado sinaladas no formulario, con carácter xeral, priorízanse as solicitudes dos/as alumnos/as que amosan preferencia polas TIC. En termos de idade, nesta edición dous de cada tres participantes teñen entre 15 e 16 anos, o 66,2% do total.
 
Ademais, co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre as nenas, nesta ocasión reservouse un terzo das prazas para as nenas, que supuxeron finalmente un 45% das prazas asignadas.
 
12 empresas colaboradoras e aumento das prazas ofertadas
Despois de adxudicar as prazas, as empresas TIC que colaboran no desenvolvemento do programa contactan cos alumnos e alumnas seleccionados para concretar a data exacta na que acudirán as súas instalacións. 
 
A propia Amtega e as empresas TIC recibirán este mes de novembro e decembro ao alumnado participante, ofrecéndolles a oportunidade de mergullarse nos seus proxectos tecnolóxicos acompañando aos profesionais nas actividades que teñan na axenda, como reunións, sesións de traballo, etc. e deste modo coñecer de cerca as aplicacións das TIC no mundo empresarial dunha maneira totalmente práctica.
 
Nesta terceira convocatoria os participantes acudirán a 19 centros de traballo distintos distribuídos nas 4 provincias galegas correspondentes á propia Amtega e ás 12 empresas que colaboran no programa: Aldaba, Altia, Coremain, Corporación Televés, Dos Espacios, DXC Technology, everis, Iecisa, Orange, Sivsa, Sixtema e Tecalis.
 
Plan DigiTalent
O Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, ofrece actividades dirixidas aos diferentes perfís da cidadanía segundo o punto do ciclo vital no que se atopen.
 
Do total de 37 actividades deste curso, cabe destacar que Coremain e Sivsa do Grupo Kiom impulsarán O Core das TIC e Future Lab+CodeFun respectivamente, combinando talleres de ideas, demos e/ou actividades lúdicas nas instalacións para nenos de 12 a 17 anos. 
 
Ademais, Televés liderará AcercaT visitando coa súa unidade móbil diferentes centros educativos achegando as telecomunicacións e robótica a estudantes de secundaria e bacharelato e impartiranse charlas divulgativas en centros educativos, grazas á colaboración de empresas como Indra ou everis.
 
A información relativa ás actuacións do catálogo DigiTalent, actualizarase constantemente no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recollen os detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que están dispoñibles.