Comeza a segunda edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’

Mércores 25 de Outubro de 2017

Comeza a segunda edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’

Amtega, GAIN, IGAPE e a Fundación Vodafone España deron hoxe a benvida aos responsables das seis iniciativas empresariais que participan no programa
Estes proxectos están orientados a temas como a accesibilidade, a creación e fabricación 4.0, a formación interactiva, a mediación social, a tecnoloxía biométrica e a contribución ambiental
Durante seis meses accederán a sesións de formación, mentoring, axudas económicas e a un espazo de coworking na Cidade da Cultura

O programa Vodafone Connecting for Good Galicia deu comezo hoxe á súa segunda edición. O acto de inauguración tivo lugar no Gaiás coa benvida institucional aos seis proxectos emprendedores de innovación social que integran a segunda edición desta iniciativa, impulsada pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira; o director do Igape, Juan Manuel Cividanes; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, xunto co director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, e o director de administracións públicas de Vodafone, Carlos Becker, inauguraron hoxe a segunda edición deste programa que ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia.

Os seis proxectos participantes están orientados a buscar solucións tecnolóxicas a temas relacionados coa accesibilidade, a creación e fabricación 4.0, a formación interactiva, a mediación social, a tecnoloxía biométrica e a contribución ambiental.

Beneficios de formar parte do programa

As iniciativas seleccionadas accederán, durante seis meses, a sesións de formación e mentoring, cofinanciado pola Amtega, de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, dispoñerán dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura.

Cada un dos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.

Os proxectos poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

Proxectos segunda edición 

3DAcoustic proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa.
it! é unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. it! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu Marketplace online it!MARKET e o seu FabLab na Coruña it!LAB.
Formadox é unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece está relacionada coa Internet das cousas, a industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada, etc.
Mediación Móbil é un proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesible, económica, personalizada e profesional.
Sense(x): é un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que permite obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso e mesmo compartir resultados nunha rede social, etc.
Tapper: é unha app que contribúe a reducir o desperdicio alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado.