Coinscrap, Fleap e Qubiotech gañan a III edición de Galicia Open Future de Telefónica e a Xunta

Xoves 24 de Novembro de 2016

Coinscrap, Fleap e Qubiotech gañan a III edición de Galicia Open Future de Telefónica e a Xunta

Presentan solucións para aforrar e investir en carteiras intelixentes, mellorar a forma de correr e optimizar o diagnóstico médico na detección temperá de enfermidades neurodexenerativas

O xurado valorou a innovación, o uso de tecnoloxía diferencial e a viabilidade das start-ups

Os tres proxectos gañadores recibirán unha axuda de 25.000 euros da Administración autonómica para continuar co desenvolvemento dos proxectos

As start-ups Fleap, Coinscrap e Qubiotech alzáronse como gañadoras da III edición de Galicia Open Future, o centro de emprendemento galego impulsado por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia, no que se aceleraron durante os últimos meses.

Como premio, os tres proxectos gañadores recibirán unha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, coa que poderán continuar o seu desenvolvemento. Ademais, poderán acceder a un préstamo reembolsable de XesGalicia doutros 25.000 euros.

O xurado, formado pola Axencia de Modernización de Galicia (Amtega), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Axencia Galega de Innovación (Gain) e o equipo de Carteira de Telefónica Open Future, valorou na súa decisión a innovación, o potencial de mercado e a viabilidade demostrada durante a súa participación no programa. Tamén foron determinantes outros factores como o uso de tecnoloxía diferencial, a composición multidisciplinaria do seu equipo e a súa motivación.

Proxectos gañadores

COINSCRAP

Consiste nunha aplicación dirixida a aforrar en investir en carteiras intelixentes e en base a uns obxectivos financeiros establecidos previamente. Cun funcionamento sinxelo e intuitivo, a app redondea ao euro máis próximo cada unha das compras que o usuario realiza cun cartón de crédito ou débito, transferindo a diferenza a unha conta corrente ou investíndoa nun seguro de aforro.

O usuario pode acceder ademais en calquera momento ao seu historial de aforro e coñecer a porcentaxe de cumprimento do obxectivo fixado ou modificar, en función das súas posibilidades, as cantidades que destina a este fin. A ferramenta emite tamén alertas no caso de que o usuario se estea desviando do seu obxectivo financeiro e ofrécelle consellos sobre que facer para seguir no bo camiño. A súa principal diferenza con outras solucións do mercado é que Coinscrap pode ser utilizada con cartóns de calquera entidade bancaria.

Desenvolvida por David Conde (Pontevedra), Óscar Barba (Ourense), Diego González (Ourense) e Juan Carlos López (Vigo), a versión de aforro desta app estará operativa a finais deste ano, mentres que a de investimento chegará ao mercado en 2017.

FLEAP

Trátase dun dispositivo que se coloca no pé e permite monitorar a forma de correr en todo tipo de deportes, creado polos enxeñeiros Alexandre Tornero (Vigo) e Adrián Portabales (A Coruña). A solución ofrece métricas avanzadas sobre impactos, aceleracións, cambios de dirección ou ángulos, ademais de información sobre a distancia percorrida, o ritmo ou a cadencia. Fleap é unha app multiplataforma polo que os datos que fornece pódense visualizar en tempo real a través do móbil ou do smartwatch ou acceder a eles, máis tarde, desde calquera outro dispositivo e lugar, posto que tamén se almacenan na nube.

QUBIOTECH

Radicada na Coruña, Qubiotech xorde como unha spin-off dun grupo de investigadores do Servizo de Medicamento Nuclear e Imaxe Molecular do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), apoiado pola Fundación Ramón Domínguez. Desenvolveu IQ-Brain, un software de axuda ao diagnóstico médico enfocado á detección temperá de enfermidades neurodexenerativas como a demencia, o alzheimer ou o parkinson.

Esta solución complementa a análise visual de imaxes e contribúe á realización de diagnósticos máis exactos mediante un algoritmo que ofrece ao médico unha fusión integrada do mapa morfolóxico e funcional do paciente.

Q-Brain automatiza a fase de cuantificación de imaxes e fusiona os estudos PET e RM achegando unha imaxe multimodal. Cuantifica, ademais, as asimetrías metabólicas do paciente facendo unha comparación cunha base de datos de individuos sans, detectando as diferenzas e ensinando ao clínico a súa localización.

Actualmente IQ-Brain utilízase a diario no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Con máis de 400 pacientes analizados, os resultados indican unha mellora no diagnóstico nun 25% dos casos.

Máis de 400 solicitudes en 3 edicións

Galicia Open Future recibiu, nas súas tres edicións, as solicitudes de máis de 400 iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica. Das 100 seleccionadas nas dúas primeiras convocatorias, a maioría experimentou importantes avances no desenvolvemento do seu proxecto e conseguiu acceder a diferentes oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes, e accedendo, nalgúns casos, a outros programas de aceleración.