Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Carmen Pomar subliña que o E-Dixgal afonda na formación do alumnado para un uso "responsable e intelixente" das tecnoloxías

• A conselleira de Educación participou, xunto coa directora da Amtega, na xornada formativa de E-Dixgal
• A xornada reúne a preto de 400 coordinadores de centros para abordar as novidades para este curso, no que haberá 347 centros escolares incorporados ao proxecto de libro dixital

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, xunto coa directora da Amtega, Mar Pereira, participou esta mañá na xornada formativa que congrega a uns 400 coordinadores deste proxecto de educación dixital co fin de abordar e coñecer as novidades para este curso, que teñen que ver cos novos contidos dixitais e melloras no Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA), entre outros.

Na súa intervención, Carmen Pomar defendeu que o proxecto E-Dixgal posto en marcha polo Goberno galego é unha ferramenta fundamental no desenvolvemento do potencial do alumnado na medida en que lles vai permitir unha aprendizaxe “responsable e intelixente” das tecnoloxías, á vez que actúa como instrumento “de equidade” entre o rural e o urbano.

“Non imos ensinarlles ás nosas rapazas e rapaces como manexar as novas tecnoloxías, porque son nativos dixitais, pero si lles temos que ensinar como usalas de xeito apropiado, para que poidan facelo con seguridade e, ao tempo, tirarlles todo o partido no eido formativo”, abondou a conselleira, quen subliñou que o E-Dixgal “non pon o foco na tecnoloxía en si mesma, senón no seu uso no proceso de ensino-aprendizaxe”.

Pomar agradeceu o esforzo formativo do profesorado e o seu compromiso pola innovación educativa que, xunto coas liñas de impulso da Xunta, fan de Galicia unha das comunidades máis avanzadas de España na aposta global polo uso da tecnoloxía nas aulas.

Pola súa banda a directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que “a transformación dixital das aulas é un proceso vivo e en constante evolución” e destacou as últimas novidades da iniciativa como a incorporación de novos provedores de contidos curriculares, aos que se suman, por unha banda, os novos contidos SmartClasroom, que permiten aos docentes crear contidos personalizados e adaptados ás necesidades do alumnado; e, por outra banda, a Iniciativa DIXIT, na que a colaboración de empresas tecnolóxicas e docentes posibilita a creación de contidos educativos innovavores.

A directora da Amtega destacou tamén a boa resposta do Servizo de Atención Premium para familias, alumnado e docentes, que entrou en funcionamento o curso pasado con atención remota as 24horas, presencial en máis de 60 puntos de atención e, incluso no domicilio. Mar Pereira agradeceu o labor e o esforzo dos docentes e recalcou “a nosa disposición para continuar avanzando e colaborar con vós”.

80 novos centros E-Dixgal neste curso
Neste novo curso que comeza o mércores, o proxecto E-Dixgal chega a 347 centros escolares (80 deles que se incorporan por primeira vez este ano) e 27.000 alumnas e alumnos.

Cómpre lembrar que a iniciativa -que naceu con carácter experimental no curso 2014/15 con 84 centros e 2.300 alumnos- vai dirixida aos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas (con EDI, proxector, equipo no posto do docente e conexión á rede de datos do centro).

Os centros de primaria incorporados ao E-Dixgal deben impartir a totalidade das materias en modalidade dixital; mentres que os de secundaria o fan en, polo menos, 6 materias. Ademais, todos os adscritos a este proxecto contan coa conexión á rede axeitada e os medios tecnolóxicos necesarios na aula, así como para o profesorado e alumnado; e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Consellería. Así mesmo, terán acceso aos máis de 3.300 recursos do repositorio de contidos do espazoAbalar.

Canto ao profesorado dos centros educativos que acceden a E-Dixgal no curso 2019/20, reciben unha formación específica no propio centro que se articula a través dos Plans de Formación Permanente do Profesorado, para o que recibirán o asesoramento da Rede de Formación do Profesorado. Ademais, realízase formación específica nos Centros de Formación e Recursos (CFR) e no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) específica para o profesorado participante e coordinador no programa E-Dixgal, como é o caso da xornada de hoxe.