Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

As redes de formación dixital españolas promoven dende Galicia a inclusión tecnolóxica das persoas maiores

• A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acolle a presentación das actividades do Día de Internet en España 2022, dedicado ás “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”
• Os promotores do Día de Internet elaboraron un decálogo con medidas para garantir a súa plena inclusión na sociedade dixital
• Maiores de toda España participan no reto “Camiña en Dixital”, un percorrido virtual polo Camiño de Santiago a partir de ‘andainas’ e unha web na que se rexistrarán as distancias percorridas
• Galicia pon en marcha a web do Marco Galego de Competencias Dixitais, que centraliza toda a información sobre formación e novas certificacións

Facilitar o acceso e o uso das tecnoloxías dixitais ás persoas maiores é o obxectivo das accións e propostas que se deron a coñecer hoxe en Santiago durante a presentación do Día de Internet 2022 en España, que se celebrará o vindeiro 17 de maio.

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, estivo acompañada neste acto polo presidente da Asociación Española de Internautas e do Comité do Impulso do Día de Internet, Miguel Pérez Subías; e pola representante da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Transformación Dixital de Castela e León, Graciela Parrilla, en nome da Presidencia da Asociación Somos Digital.

 

Galicia, a través de rede CeMIT, é a encargada este ano da coordinación das actividades do Día de Internet en representación da Asociación “Somos Digital”, que agrupa ás redes españolas de centros de competencias dixitais. Na actualidade forman parte desta organización 15 redes nas que están integrados máis de 2.000 centros de formación, que nun 79% están situados en áreas rurais.

Xunto coa presentación das actividades e dun manifesto decálogo con medidas dirixidas á integración dixital das persoas maiores, a xornada acolleu a celebración dun webinar impartido pola investigadora da Comisión Europea Clara Centeno sobre o novo Marco Europeo de Competencias Dixitais GigComp2.2 (https://somos-digital.org/digcomp/).

 

Tras a intervención dun grupo de persoas maiores usuarias de centros de competencias dixitais, que compartiron as súas experiencias, presentouse o reto “Camiña en Dixital”. Esta actividade consiste nun percorrido virtual polo Camiño de Santiago a partir de distancias percorridas a pé polas persoas participantes que se transformarán en pasos virtuais na web creada especificamente para esta iniciativa.

 

Ademais das persoas que asistiron fisicamente, o evento foi seguido de xeito virtual polas cerca de 900 persoas inscritas de toda España.

 

Evolución crecente das competencias dixitais en Galicia

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, recoñeceu o traballo desenvolvido nos últimos anos nesta Comunidade en colaboración cos concellos para a capacitación dixital da cidadanía. Lembrou que cando hai unha década se afrontou como unha prioridade a universalización do acceso ao ámbito dixital, soamente un 26% das persoas de entre 55 e 64 anos accedían a Internet. Esta porcentaxe baixaba ata o 6% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos.

 

Na actualidade, son máis do 80% as persoas de entre 55 e 64 anos que navegan pola rede, e un 53% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos. Mar Pereira salientou que “só nos últimos cinco anos duplicouse o número de internautas de entre 55 e 75 anos en Galicia”. Máis de 280.000 persoas de Galicia neste tramo de idade deron o salto ao mundo dixital dende 2015.

 

En Galicia, o avance na capacitación dixital da cidadanía está condicionado polo feito de que é a segunda Comunidade con maior porcentaxe de persoas maiores do Estado (25% en Galicia fronte ao 20% da media española). Neste sentido, Mar Pereira expresou a súa satisfacción polo feito de que “a nosa Comunidade fose elixida por Somos Digital para impulsar este ano as actividades do Día de Internet co foco posto nas persoas maiores”.

A directora da Axencia destacou o “papel esencial” da rede de aulas CeMIT nesta evolución. As 97 aulas públicas impulsadas pola Xunta en colaboración cos concellos levan ofertadas preto de medio millón de horas de formación gratuíta en tecnoloxía. Este ano serán máis de 105.000 as persoas usuarias das aulas, das que cerca de 28.000 son maiores de 55 anos. A participación das persoas maiores nas actividades formativas pasou de representar o 21% sobre o total de persoas usuarias en 2012 a superar o 26% este ano. Cada persoa deste idade participa nunha media de 5 actividades diferentes.

 

Ampliación da rede CeMIT

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo en marcha a finais de 2021 o Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT cun investimento de 22,7 millóns de euros ata 2025. Acometerase a transformación física e arquitectónica dos centros; a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro; a posta en marcha dun novo servizo de aula móbil; o reforzamento dos servizos dixitais e o servizo de apoio á formación e capacitación dixital da cidadanía. Esta reformulación será un elemento fundamental para o logro dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030.

 

Novo Marco de Competencias Dixitais

A poboación galega con competencias dixitais básicas ou avanzadas creceu cerca dun 20% en 2021. Galicia avanzou ata o sexto posto entre as Comunidades españolas no que se refire á poboación internauta con competencias básicas ou avanzadas. Os últimos datos dispoñibles por idades, de 2020, indican que un 35,9% das persoas de entre 55 e 64 anos xa posúen competencias dixitais básicas ou avanzadas.

 

Dende principios deste ano está en vigor o novo Marco Galego de Competencias Dixitais. Antes de que remate 2022 está previsto que se faga a primeira convocatoria da nova Certificación Galega en Competencias Dixitais (ComDix). Tamén este ano comezará o proceso para que os empregados públicos e a cidadanía poidan validar a certificación anterior (CODIX).

 

O Marco Galego de Competencias Dixitais conta dende hoxe cun novo espazo na web: https://competenciasdixitais.xunta.gal/, dende o que se pode acceder a toda a información relacionada co propio Marco, a certificación, a formación, os exames ou as validacións de certificacións anteriores.