As pemes e as grandes empresas galegas sitúanse á cabeza do Estado no acceso a servizos da administración electrónica

Xoves 14 de Setembro de 2017

As pemes e as grandes empresas galegas sitúanse á cabeza do Estado no acceso a servizos da administración electrónica

O 44% das empresas galegas deste segmento ten contratado o acceso a Internet con velocidades de máis de 30 Mbps, un 19% máis que o ano anterior
Máis do 62% das microempresas galegas contan con conexión a Internet contratada, cun crecemento de case un 9% no último ano
As empresas galegas de 10 ou máis empregados superan lixeiramente a media estatal na realización de análises Big Data
As microempresas galegas sitúanse na quinta posición estatal no uso das redes sociais e superan a media na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet

As empresas galegas de 10 ou máis asalariados sitúanse á cabeza no ranking de Comunidades Autónomas na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet. Ademais, o segmento das microempresas experimentou un incremento de preto dun 9% na contratación de Internet e de máis dun 7% da banda larga móbil no último ano.

Son datos da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2016/2017” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Incremento do 19% na contratación de servizos a Internet de máis de 30 Mbps

A práctica totalidade das pequenas e grandes empresas de Galicia, as que teñen 10 ou máis asalariados, dispón de ordenador (99,1%), conexión a Internet (98,5%) e banda larga (98,9%), todos estes indicadores en valores semellantes á media estatal.

Oito de cada dez empresas galegas de 10 ou máis asalariados (80,5%) con conexión a Internet ten contratado o servizo de acceso á rede a través de telefonía móbil de banda larga.

En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, máis da metade das empresas galegas de 10 ou máis empregados (50,9%) conta cunha velocidade de entre 2 Mbps e 30 Mbps, superando a media estatal (49,6%). Ademais, cabe destacar que o 44% das empresas galegas deste segmento ten contratado o acceso a Internet con velocidades de máis de 30 Mbps, un 19% máis que o ano anterior.

Un 88,2% das empresas galegas de 10 ou máis empregados empregan software de código aberto, superando lixeiramente á media estatal (87,4%), o que as sitúa no 5º posto no ranking de Comunidades Autónomas neste indicador.

Á cabeza no uso da eAdministración

A enquisa do INE indica que as empresas galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet sitúanse no primeiro posto no ranking de Comunidades Autónomas na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet.

Un 96,3% das empresas galegas deste segmento emprerial interactuou coas AAPP a través de Internet no último ano, experimentando un incremento do 8,6% e superando a media estatal en 3,8 puntos porcentuais

Modelo de xestión empresarial: Cloud computing, big data, RFID e redes sociais

As redes e medios sociais son outro dos fenómenos ligados ás TIC que analiza o OSIMGA a través dos datos do INE. Un 42,5% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utilizaron algún tipo de medios sociais (Facebook, Linkedin, Google+, etc), experimentando un incremento do 19,6% no último ano.

As empresas galegas de 10 ou máis asalariados comezan tamén a realizar análises Big Data e actualmente xa un 9,7% destas empresas analizaron Big Data, superando lixeiramente a media estatal (8,8%).

En relación ás tecnoloxías cloud, un 16,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores compraron algún servizo de Cloud Computing. Tamén cabe salientar que un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis empregados fan uso das tecnoloxías RFID, en valores próximos a media estatal (15,2%)

O uso das TIC nas microempresas galegas

Un 62,3% das microempresas galegas contan con conexión a Internet contratada, o que supuxo un crecemento dun 8,7% no último ano. Isto permitiu reducir a distancia coa media estatal en 5,5 puntos porcentuais.

Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, un 84,8% dispón de banda larga fixa e un 69,4% de banda larga móbil. Cómpre salientar o significativo incremento na contratación de banda larga móbil entre as microempresas galegas, un 7,2% no último ano fronte ao 3,9% de crecemento da media estatal.

En relación ao uso das redes sociais, un 33,5% das microempresas galegas con conexión a Internet as empregan, superando en máis de 2 puntos porcentuais a media estatal (31,2%), o que as sitúa no quinto posto no ranking de Comunidades Autónomas neste indicador.

As micrompresas galegas con conexión a Internet tamén superan en 3 puntos a media estatal no que se refire á interacción coas Administracións Públicas a través de Internet: a media galega sitúase nun 74,8%% fronte ao 71,8%% da media estatal.