Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

As medidas en marcha da Xunta e do Estado garanten que o 74% dos galegos terán acceso a redes de 100mbps no 2020

• Esta porcentaxe ampliarase coas novas convocatorias de axudas a operadores anunciadas polo Estado
• Ata 332.000 galegos se beneficiarán dos despregamentos de fibra óptica subvencionados por ambas administracións públicas con 35 millóns de euros
• A directora da Amtega avanzou hoxe estes obxectivos no Parlamento, nunha comparecencia para facer balance de dous anos da Axenda Dixital de Galicia 2020
• Máis de 72.000 galegos acceden a través das Aulas CeMIT a capacitación dixital gratuíta sobre o uso de internet e os servizos dixitais
• Os trámites online coa Xunta xa superan os presenciais, situándose no 51% do total
• Galicia aposta pola transformación dixital das aulas e xa son 12.000 os alumnos que estudan exclusivamente con libros dixitais
• Este ano o 100% dos centros educativos públicos de primaria e secundaria terán conexións de máis de 100Mbps
• O Hipersector TIC galego emprega a 21.973 traballadores, a maior cifra dos 5 últimos anos


O 74% dos galegos terá acceso a redes de 100Mbps en 2020, 15 puntos máis que a porcentaxe actual. Este incremento será posible grazas as subvencións publicas a operadores concedidas no marco do Plan de Banda Larga da Xunta e das convocatorias do Estado. Cun investimento conxunto de 35 millóns de euros ambas administracións facilitarán o acceso á fibra óptica a 332.000 galegos que carecen desta cobertura.

Así o avanzou esta mañá no Parlamento galego a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, nunha comparecencia  a petición propia para dar conta de dous anos de execución da Axenda Dixital de Galicia 2020, a segunda elaborada polo actual Goberno galego.

A directora da Amtega destacou que a mellora da conectividade é unha prioridade desde 2009 para o actual Goberno galego, que elaborou o primeiro Plan Director de Banda Larga en 2010 para dotar de cobertura de internet básica a todo o territorio galego. Neste sentido, destacou a esforzo que se fixo para estender a cobertura de 3G en 11.000 núcleos, un servizo que os operadores adxudicatarios teñen a obrigatoriedade de evolucionar durante dez anos. Esta medida contribuíu a que Galicia sexa a primeira comunidade con cobertura 3G do Estado e a cuarta en tecnoloxía 4G.

Mar Pereira incidiu na importancia da tecnoloxía sen fíos no rural galego, xa que permite o acceso á rede e facilita a cobertura móbil, unha demanda das zonas rurais máis illadas, e que beneficia tanto a habitantes como a visitantes.

Plan de Inclusión e Educación Dixital

Se a cobertura é un elemento esencial para a transformación dixital, a formación en TIC  para dinamizar o seu uso tamén. Por iso a Axenda Dixital puxo en marcha o Plan de Inclusión Dixital de Galicia con máis de 700 aliados dixitais e o apoio da Rede de Aulas CeMIT para favorecer a capacitación dixital de todos os galegos. As 98 Aulas CeMIT contan con máis de 72.000 usuarios rexistrados e máis de 280.000 horas de formación gratuítas impartidas desde a súa creación.

A aposta pola transformación dixital das aulas constátase cos avances do Proxecto Abalar, que posibilitou que 12.000 rapaces estuden exclusivamente con libros dixitais, que todas as aulas públicas de primaria e secundaria conten con equipamento dixital e que durante este ano o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria dispoñan de conexións a internet de máis de 100 Mbps. Galicia será a primeira comunidade en completar a iniciativa “Escolas Conectadas”, en colaboración co Estado, para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en centros públicos.

Servizos Públicos Dixitais

Desde 2010 a Xunta vén sentado as bases dunha administración integramente dixital. Os indicadores de seguimento do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 constatan os avances neste ámbito. A día de hoxe as xestións online coa Xunta superan ás que se realizan de forma presenciais. Entre xaneiro e marzo deste ano máis do 51% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica ou das oficinas virtuais.

A nivel interno, as consultas dos empregados públicos á Plataforma de Interoperabilidade Pasaxe! evitaron aos cidadáns presentar máis de 1 millón de documentos, que xa están en poder da Administración como o DNI, certificados de familia numerosa ou discapacidade, títulos universitarios, etc. así ata 40 tipos de certificados.

Economía Dixital

Con respecto aos sectores estratéxicos da economía galega a Axenda Dixital ten en macha plans tecnolóxicos innovadores como o Plan Smarturismo coa dixitalización integral dos procedementos de turismo para os axentes do sector, que levan máis de 9.000 expedientes xestionados a través da plataforma tecnolóxica Smarturismo.  No eido cultural, a Memoria Dixital de Galicia xa permitiu a posta en marcha da nova Galiciana, que integra os documentos dixitalizados do Arquivo e da Biblioteca  dixitais de Galicia.

O Programa Primare está impulsar a dixitalización do agro coa posta en marcha dunha plataforma de servizos de valor engadido tanto para os agricultores como para a administración e no sector da pesca iniciou a dixitalización de 35 lonxas. Ademais, no ámbito forestal entra en funcionamento este ano unha nova rede de videovixilancia dixital forestal como apoio á prevención e seguimento dos incendios. 

Impulso ao ecosistema dixital

Púxose en marcha o Plan DicoMindset para fomentar iniciativas tecnolóxicas baseadas nos contidos dixitais e porase en marcha unha aceleradora de contidos dixitais e o Plan DigiTalent para impulsar o talento dixital en Galicia, fomentando as vocacións tecnolóxicas.

Os últimos datos sobre o Hipersector TIC galego sinalan que emprega a 21.973 traballadores, a maior cifra dos 5 últimos anos e que contribúe nun 2,1% ao PIB galego.