Arranca na Coruña, Marín, O Barco e Padrón a iniciativa de autoemprego feminino “Miradas de muller”

Xoves 07 de Febreiro de 2013

Arranca na Coruña, Marín, O Barco e Padrón a iniciativa de autoemprego feminino “Miradas de muller”

O programa, que promove o emprendemento a través da fotografía dixital, chegará a unha trintena de concellos integrados na Rede de aulas CeMIT e participarán máis de 330 mulleres

Está impulsado por Fundetec e desenvólvese en Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica en colaboración co IGAPE, a Consellería de Traballo e Benestar e a Secretaría Xeral da Igualdade

O itinerario formativo consta de tres fases con charlas informativas sobre a posta en marcha dun proxecto empresarial, cursos de fotografía dixital e unha plataforma web con múltiples servizos e asesoramento titorizado para as usuarias

Os concellos de A Coruña, Marín, O Barco e Padrón acollen hoxe a primeira sesión formativa da iniciativa “Miradas de Muller”, que ten como obxectivo fomentar o autoemprego e o emprendemento feminino a través da fotografía dixital. As 59 participantes destes municipios recibirán a primeira charla do itinerario formativo a través de videconferencia.

En toda Galicia participarán no programa máis de 330 mulleres desempregadas de zonas rurais e procedentes de barrios obreiros ou periféricos das cidades. A formación será presencial e online e impartirase en nunha trintena de concellos integrados na Rede de Centros para a Modernización Tecnolóxica (CeMIT) da Amtega.

“Miradas de Muller” é unha iniciativa promovida por Fundetec xunto coa Federación Deglobé e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e desenvólvese en Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, a Secretaría Xeral da Igualdade e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Charlas informativas

A primeira fase do proxecto, que comeza hoxes, é a de motivación ao emprendemento na que, a través de charlas impartidas por profesionais do IGAPE, se orientará as participantes sobre como transformar as súas ideas no campo da fotografía en proxectos empresariais. Nesta charla contarase tamén coa presenza de mulleres referentes no mundo da fotografía para amosar a súa experiencia e resolver todas as dúbidas das asistentes.

Esta formación impartirase de xeito presencial nas aulas CeMIT dos municipios adheridos á iniciativa a través do sistema de videoconferencia en grupos de cinco ou seis concellos ata o mediados de febreiro.

Capacitación fotografía dixital

O itinerario formativo complétase con cursos de capacitación no tratamento de imaxes e fotografía dixital que se ofrecerán como complemento opcional e que proporcionarán os axentes TIC das aulas CeMIT, que son os profesionais que se ocupan destes centros. Así, as usuarias que o soliciten poderán acceder a estes cursos e a outros de formación complementaria sobre servizos dixitais como os tramites electrónicos, a efactura, o uso de DNI electrónico ou a banca online.

Plataforma online Fundetec

Unha vez completado o itinerario formativo as usuarias terán acceso a unha plataforma web (www.miradasdemujer.com) cun taller creativo sobre técnicas de fotografía e un titor experto que lles axudará a resolver dúbidas.

A plataforma dispón dun banco de imaxes no que poderán publicar as súas obras para amosar o seu traballo e intercambiar experiencias con outras participantes. Este espazo online conta tamén cun catálogo dixital de servizos de autoemprego no que as usuarias poderán publicar sos servizos fotográficos que ofrecen e os clientes potenciais poderán expoñer as súas necesidades.

Os servizos da plataforma complétanse con pílulas informativas sobre o uso de determinados servizos dixitais e cunha comunidade virtual na que as usuarias poderán crear grupos e na que terán acceso as novidades e noticias relacionadas coa fotografía.

Finalmente, celebrarase un concurso fotográfico cos traballos realizados polas participantes, no que un tribunal experto realizará a elección da gañadora.

Suma de sinerxías

“Miradas de Muller” desenvólvese en Galicia grazas á suma das sinerxías e recursos cos que conta a Administración autonómica: a Rede CeMIT da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, os profesionais en formación de emprendedores do IGAPE e a capacidade de difusión da Consellería de Traballo e Benestar e da Secretaría Xeral da Igualdade a través da rede de técnicos de emprego e dos Centros de Información á Muller.

Xúntase listado cos concellos que participan na iniciativa.