Ampliado ata o 6 de outubro o prazo de presentación de candidaturas ao Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

Luns 02 de Outubro de 2017

Ampliado ata o 6 de outubro o prazo de presentación de candidaturas ao Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2016-2017
O acto de resolución do premio será o día 27 deste mes na Cidade da Cultura

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía o prazo de presentación de candidaturas á X edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre ata o vindeiro día 6 de outubro para facilitar a inscrición aos alumnos que teñan presentado o seu proxecto nos tribunais no mes de setembro.
 
Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.
 
Os estudantes interesados en participar neste premio deben seguir todos os pasos requiridos nas bases do premio antes do vindeiro seis de outubro:
 
1. Inscribir o proxecto na forxa de mancomún no tópico “Concursos > Premio ao mellor PFC con Software Libre > 2017”
2. Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. A memoria deberá publicarse na sección Documentos do proxecto na Forxa
3. Darse de alta na lista de correo do premio onde se resolverán todas as dúbidas que poidan ter os participantes, así como se realizará a coordinación do acto de resolución do premio.
4. Cubrir o formulario de inscrición
 
Finalistas e acto de resolución
 
Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado seleccionará os finalistas que deberán acudir ao acto de resolución do premio, que se celebrará o vindeiro día 27 de Outubro na Cidade da Cultura. Os finalistas deberán realizar unha breve presentación do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados ou as perspectivas de futuro, entre outros.
 
Á hora de tomar a súa decisión, o xurado valorará o nivel de actividade pública do traballo, é dicir, a publicación continua do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.org ou calquera outro medio web; o uso adecuado dunha licenza libre: e calidade do proxecto.
 
Este premio ten por obxectivo non só recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre.
 
Dotación económica
 
Este premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
 
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún. https://www.mancomun.gal/premiopfc. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.
 
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.