Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Ábrese o prazo para que os centros educativos se adhiran ao Programa de Reforzo das Competencias Dixitais, “DigiCraft no teu cole-II”

• Ata 200 novos centros poderán beneficiarse desta iniciativa, dirixida a alumnos de 6 a 12 anos, que emprega unha metodoloxía de aprendizaxe baseada no xogo e a experimentación
• Galicia renova así a participación iniciada no curso 2019/2020 como primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone España puxo en marcha este programa, grazas a un acordo asinado coa Consellería de Educación e a Amtega


Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio da convocatoria para que os centros educativos poidan adherirse ao Programa DigiCraft no teu cole-II promovido pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que ten como obxectivo potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na infancia e na mocidade.

Segundo se recolle na convocatoria que tamén pode consultarse no portal (https://www.edu.xunta.gal/portal/DigiCraft), os centros interesados poderán realizar a súa solicitude ata o próximo 26 de xaneiro. Poderán beneficiarse desta iniciativa ata 200 centros escolares sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que impartan ensinanzas de 5º ou 6º de educación primaria nos cursos 2020-2021 e 2021-2022.

Impartiranse un total de tres itinerarios formativos por cada grupo participante, de 12 horas de duración cada un. No curso académico 20/21 o primeiro deles e no curso 21/22 os dous restantes, ata completar un total de 36 horas.

Os centros que se adhiran a DigiCraft terán acceso a formación para que o profesorado poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades e dotación de tabletas e kits tecnolóxicos, que permitirán aos docentes e ao alumnado desenvolver as actividades establecidas.
 
O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específica baseada no xogo e a experimentación, deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece. 

Os itinerarios están compostos por unha serie de actividades que van aumentando gradualmente en nivel de dificultade. Estas actividades combinan o mundo dixital e a tecnoloxía (a través do uso dos kits DigiCraft) co xogo, o aprender facendo e o desenvolvemento de habilidades motoras.

Ademais das referentes á Competencia Dixital (CD), trabállanse de forma recorrente e como base do programa outro tipo de competencias clave como a Competencia en Comunicación Lingüística (CCL), a Competencia para Aprender a Aprender (CPAA) ou o Sentido da Iniciativa e Espírito emprendedor  (SIE). Neste sentido, as actividades impulsan o traballo en equipo, a resolución de problemas, a toma de decisións, a capacidade de comunicación oral e escritura, o razoamento crítico e a aprendizaxe autónoma, entre outras.

Máis de 3.800 alumnos de 50 centros na primeira edición
Galicia foi a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone España puxo en marcha DigiCraft no teu cole-II, como parte do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), impulsado pola Amtega. Na primeira convocatoria, lanzada no curso 2019/20 sumáronse á iniciativa un total de 50 centros, que puxeron en marcha diferentes itinerarios formativos centrados en realidade aumentada, intelixencia artificial, videoxogos e robótica, dos que se beneficiaron 3.800 alumnos de educación primaria e 100 docentes dun total de 50 centros educativos galegos.

Dado o éxito e interese conseguido e co fin de permitir a entrada de novos centros ao proxecto, lánzase agora esta nova convocatoria.

Plan Digitalent
DigiCraft no teu cole-II enmarcásese  nas iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. DigiTalent é un plan integral que atende aos diferentes perfís da cidadanía segundo o punto do ciclo vital no que se atopen. 

O Plan está a impulsar numerosas iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital. Toda a información sobre  as actividades DigiTalent están no portal do Plan https://digitalent.xunta.gal/.